Juan Luis
Quick Facts
Biography
Juan Luis López García, chamado Juan Luis, nado en Santiago de Compostela en 1894 e falecido en Madrid en 1979, foi un pintor galego.
Traxectoria
Comezou na actividade pictórica na infancia no taller do pai. Fórmase basicamente nas aulas de pintura de Mariano Tito Vázquez e na Escola de Artes e Oficios da cidade. Obtivo unha bolsa de estudos do Concello de Santiago coa que se desprazou a Madrid. Alí coñeceu, por mediación de Francisco Asorey, a artistas da época como Manuel Bujados ou Julio Romero de Torres.
Ao seu regreso contaba xa cun certo prestixio. Participa na Exposición Rexional da Coruña, en 1917, e obtén grandes gabanzas dos críticos da época. Encargóuselle a restauración do retablo da igrexa de Arcos de Furcos (Cuntis), e alí coñeceu a Xosefa, coa que casaría en 1918. Participou en distintas edicións da Exposición Nacional de Belas Artes que se celebraba en Madrid.
En 1926 viaxa como bolseiro a París, onde coñece a Carlos Maside, que o introduciría nos faladoiros artísticos dos cafés de Montmartre e Montparnasse, e no 1930 desprázase de novo como bolseiro da deputación da Coruña a visitar distintos museos e galerías de Italia, Suíza e Francia. Despois da Guerra Civil ingresa como catedrático na Escola Superior de Belas Artes de Barcelona.
A súa pintura é basicamente de temática costumista, especialmente campesiña. Habería que encadralo na mesma xeración que Castelao, Xesús Corredoyra ou os seus grandes amigos Felipe Bello Piñeiro e Francisco Asorey.
Notas
Véxase tamén
Bibliografía
- Areán, C.: Treinta años de Arte Español, Madrid,1972.
- Arte Gallego (catálogo), Santiago de Compostela, 1926.
- Artistas Galegos: pintores (rexionalismo I). Juan Luis, Nova Galicia Edicións, Vigo, 2002.
- Cerviño Lago, M.J.: El pintor Juan Luis: apuntes sobre su vida y su obra (catálogo),
- López Vázquez, J.: "Juan Luis", en Gran Enciclopedia Gallega, tomo 18, pp. 117–120.
- Mon, Fernando: La pintura actual en Galicia, A Coruña, 1972.
- Travieso Mougán, J.: Juan Luis, un goce de la pintura (catálogo), Diputación Provincial de La Coruña, 1984.
- Travieso, J. ; Cerviño Lago, J.: El pintor Juan Luis (catálogo), Fundación Pedro Barrié de la Maza, A Coruña, 1994.
Ligazóns externas
- Juan Luis na Colección Afundación.
- Exvoto, ca. 1925, óleo-lenzo, 84x133cm Pinacoteca Francisco Fernández del Riego