Xesús San Luís Romero
Quick Facts
Biography
Xesús San Luís Romero, nado en Carballo o 9 de setembro de 1872 e finado en Santiago de Compostela o 22 de setembro de 1966, foi un escritor e político galego.
Traxectoria
Fillo de Francisco San Luís, que fora presidente do Comité Republicano, síndico e alcalde de Carballo na Primeira República e irmán de Ramón San Luís Romero. Realizou os estudos primarios en Carballo e, despois, púxose a traballar como aprendiz de zapateiro. Aos vinte anos emigrou á Arxentina e colaborou en El Eco de Galicia, para o que escribiu artigos co pseudónimo Un mozo bergantiñán. Alí escribiu os monólogos Para que me namorei? (1897) e No quinteiro, a comedia O xastre aproveitado (estreada no Salón Teatro do Orfeón Español en abril de 1898) e as revistas folclórico-musicais A romaxe de san Campio e Unha noite no muíño (estreada en 1959 en Santiago de Compostela).
Regreso a Galiza
En 1902 volveu a Galiza, e estableceuse como zapateiro en Santiago de Compostela. Retomou a escrita e colaborou en varios xornais (como La Defensa, El Látigo ou La Campana) con composicións anticaciquís, cun espírito de loita agraria que, reivindicada por Solidaridad Gallega e outras organizacións agrarias, mobilizaba a sociedade galega do primeiro terzo do século XX.
San Luís Romero compuxo e estreou numerosas obras dramáticas, algunhas das cales atacaban os abusos do poder dos caciques. Esta liña do teatro social xa fora iniciada por Manuel Lugrís Freire. Publicou O fidalgo, estreada no Teatro Principal en xaneiro de 1918 e Rosiña, estreada en febreiro de 1921. Colaborou no suplemento Nós de El Noroeste. En poesía escribiu A volta do bergantiñán (1928).
En abril de 1936 intentouse levar ao cine o seu drama anticaciquil O fidalgo. Deixou unha obra inédita Unha noite co'a Compaña.
Actividade política
Masón, foi tres veces presidente do Centro Republicano de Santiago entre 1920 e 1930, asistiu a sinatura do pacto de Lestrove. Na República, foi elixido concelleiro, foi presidente do Comité do Partido Radical Socialista de Compostela e formou parte da Comisión organizadora da Asemblea Rexional de Municipios de 1932 que decidiu a redacción do proxecto de Estatuto de Autonomía. Foi candidato a deputado polo partido Radical Socialista nas eleccións de novembro de 1933 pero non resultou elixido. En maio de 1935 anunciou a súa retirada da vida política, pero volveu ser concelleiro despois de febreiro de 1936.
Co golpe de Estado do 18 de xullo de 1936 foi detido e procesado por masón, pasando 33 meses na cadea. En 1941 volveu o cárcere condenado a 12 anos e un día en aplicación da lei de Represión da Masonería e do Comunismo, pasou polos penais de Porto de Santa María (Cádiz), Burgos, Toledo e Lugo, de onde saíu en 1944. Ao enviuvar en 1946, pasou tempadas en Turces (Touro) coa súa filla Dolores. Alí escribiu o conto en verso "Unha noite coa compaña" e o drama en tres actos e un cadro Xenreira, que foi prohibido pola censura. En 1950 concedéronlle o premio de poesía do Centro Galego de Buenos Aires e fixéronlle un xantar de homenaxe en Roxos.
Obras literarias
Teatro
- O fidalgo, 1918. Reeditado en 1986 en Edicións do Castro.
- Rosiña, 1998.
- Xenreira, 2002.
- A foliada n-o rueiro. Paso cómico, 2010.
Poesía
- A volta do bergantiñán, 1928.
- Versos escritos en Buenos Aires e outros poemas, 1999, escolma da súa poesía na emigración bonaerense.
Recoñecementos
Un colexio de Carballo leva o seu nome.