Valeriano Villanueva
Quick Facts
Biography
Valeriano Villanueva Rodríguez, nado en Pontedeume en 1865 e finado en Santiago de Compostela o 4 de abril de 1943, foi un militar e estudoso da agricultura galego.
Traxectoria
Estudou Leis en Santiago, ingresando posteriormente no Corpo Xurídico militar onde chegou a ter o grao de xeneral e ostentar a fiscalía do Consello Supremo de Guerra e Mariña.
En 1918 foi proposto, sen éxito, para presentarse ás eleccións a Cortes polo distrito electoral de Pontedeume en representación do movemento agrarista.
Porén, a súa verdadeira paixón foi a agricultura, aplicando as novas técnicas e coñecementos agrícolas na súa granxa de Pontedeume. Publicou numerosos artigos de divulgación sobre cuestións agrícolas, gandeiras e de economía rural nos xornais El Eume, La Verdad, La Voz de Galicia e a revista coruñesa Prácticas Modernas, firmando co pseudónimo Un labrador a la moderna sacado do título dun libro que escribiu. Redactou a parte de Agricultura da Geografía de Galicia editada pola Casa Martín de Barcelona.
Na cuarta Semana Social celebrada en Santiago en 1909 pronunciou tres conferencias co título Organización do cultivo e da gandeiría nas rexións de pequena propiedade do norte e o noroeste de España que se recolleron nun folleto e constitúen unha síntese do problema agropecuario na rexión.
Nun concurso aberto convocado pola Casa de Galicia en Madrid en 1917 acadou o premio pola voluminosa obra de título Medios prácticos máis eficaces de impulsar o progreso material e moral de Galicia e de conservar as virtudes e de corrixir os defetos dos seus fillos.
Deixou rematado un estudo sobre economía social que custodiou o seu fillo, o catedrático da Facultade de Medicina de Santiago, Ulpiano Villanueva de Castro.
En 1984 a súa obra foi recompilada por J. A. Durán co título Organización do cultivo e da sociedade agraria en Galicia e na España Atlántica.
A proposta do grupo municipal do BNG, o concello de Pontedeume bautizou unha rúa co seu nome en 2000.
Véxase tamén
Bibliografía
- Antonio Couceiro Freijomil: Historia de Pontedeume e a súa comarca. Ed. Xunta de Galicia, 4ª ed. (1995), páx. 342. ISBN 84-453-1437-8
Ligazóns externas
- Biografía no artigo Nombres ilustres en las calles, plazas y jardines de Pontedeume de Carlos de Castro Álvarez no nº 11 (2004) da revista Cátedra, páxs 54-55. ISSN 1133-9608]