María do Carmo Ríos Panisse
Quick Facts
Biography
María do Carmo Ríos Panisse, nada en Santiago de Compostela o 18 de maio de 1946, é unha filóloga galega.
Traxectoria
Graduouse en Filosofía e Letras en 1968 na Universidade de Santiago, coa tese Vida mariñeira de Sada. Contribución pra un estudo lingüístico, e doutourouse en 1973 coa tese Nomenclatura de la flora y fauna marítimas de Galicia.
Foi profesora de Lingua e Literatura galegas no IES Rosalía de Castro de Compostela desde 1981 até a súa xubilación en 2006. Participou na Agrupación Cultural O Galo de Santiago e no Instituto da Lingua Galega, para o que colaborou na creación do proxecto do tesouro lexicográfico galego.
En 1973 participou no Atlas lingüístico de los marineros peninsulares dirixido por Manuel Alvar.
Casou con Antón Santamarina.
Obra
- Vida mariñeira de Sada. Contribución pra un estudo lingüístico (Verba vol. 1, 1974).
- Nomenclatura de la flora y fauna marítimas de Galicia. I. Invertebrados y peces.(Verba. Anejo nº 7, 1977).
- Nomenclatura de la flora y fauna marítimas de Galicia. II. Mamíferos, aves y algas.(Verba. Anexo nº 19, 1983).
A maiores publicou numerosos artigos en diferentes revistas como Grial ("Contos da miña terra" (1864), primeira edición do conto galego atribuido a Rosalía de Castro"), Dorna ("Consideracións didácticas sobre a literatura galega: o problema do funcionamento do texto literario nunha situación lingüística e cultural non normalizada") ou no Anuario de Estudios Literarios Galegos, e relatorios sobre lingua e literatura galegas publicados en distintos libros en homenaxe a Ramón Otero Pedrayo, Álvaro Cunqueiro ou Celso Emilio Ferreiro.
No libro Os séculos escuros, coordinado por Anxo Tarrío (Hércules de Edicións, A Coruña, 2000), foi a responsable dos capítulos dedicados ó Prerrexurdimento e ós inicios do Rexurdimento. É tamén autora de edicións críticas de Devalar, de Otero Pedrayo (1992), e Obra poética dispersa de Xoán Manuel Pintos Villar (2006).
Véxase tamén
Bibliografía
Ligazóns externas
- Congreso Xoán Manuel Pintos, 2011 [Ligazón morta]
- Rede de Bibliotecas de Galicia [Ligazón morta]
- "Carme Ríos Panisse recupera a poesía de Pintos Villar nunha edición crítica", La Voz de Galicia, 15/3/2007.