José López Penedo
Quick Facts
Biography
José López Penedo, coñecido como Liberto López, nado en Paredes (O Irixo) o 13 de xullo de 1915 e finado en Barcelona o 4 de febreiro de 1950, foi un guerrilleiro anarquista galego.
Traxectoria
Albanel, estaba afiliado á Confederación Nacional do Traballo (CNT). Durante a guerra civil loitou na Columna Durruti. Ao finalizar a guerra, participou en accións antifranquistas con grupos libertarios. Pasou a Francia e durante a ocupación alemá participou na Resistencia na zona de Prats de Molló.
Despois da liberación de Francia, entrou no grupo guerrilleiro libertario de Francesc Sabaté Llopart (El Quico), onde se encargaba de redactar os panfletos e os periódicos clandestinos. O 2 de marzo de 1949, cos irmáns Sabaté e outros, participou en Barcelona no ametrallamento do automóbil de Eduardo Quintela Bóveda, xefe de Brigada Política da policía, na acción resultaron mortos o secretario do Frente de Juventudes do distrito universitario Manuel Piñol Ballester e o seu chofer. Foi detido o 9 de marzo nunha casa de La Torrassa (L'Hospitalet de Llobregat), onde pasaba a noite con Josep Sabaté Llopart á espera de pasar a Francia. Os dous foron sorprendidos, e aínda que se defenderon e conseguiron saltar por unha fiestra, José foi ferido dun disparo no pulmón e capturado inconsciente, mentres que Sabaté conseguiu fuxir.
Levado ao dispensario da Cruz Vermella de Collblanc, foi trasladado ao Hospital Militar, onde foi operado antes de ser internado e interrogado na Xefatura de Policía. O 16 de novembro de 1949 foi xulgado por un consello de guerra e condenado a morte polo atentado contra Quintela. Foi fusilado o 4 de febreiro de 1950 no Campo da Bota de Barcelona, xunto co seu compañeiro Carlos Vidal Passanau, e foi enterrado no cemiterio da Pedrera.