Gudesteo
Quick Facts
Biography
Gudesteo (fl. 1067-1069) foi un bispo de Iria Flavia e Santiago de Compostela durante o século XI. Sobriño do seu predecesor inmediato, Cresconio, foi nomeado bispo de Iria Flavia polo rei García da Galiza antes do 23 de febreiro de 1067. En conflito con outro tío seu, o conde Froila Arias, este asinou a paz con el e xuroulle fidelidade. Porén, secretamente, o seu tío estaba a conspirar para asasinalo. No ano 1069, cando o bispo observaba a coresma no seu pazo de Iria Flavia, achegáronselle uns emisarios do conde Froila e, tras falar con eles, permitiulles quedar a durmir nos seus apousentos. De noite, mentres o prelado durmía, os emisarios saíron do pazo e foron buscar a Froila, que agardaba co seu exército agochado nun bosque. Os conspiradores entraron pausadamente na cámara onde durmía o bispo e asasinárono. Estes feitos serviron de advertencia a Diego Xelmírez, titular da mesma sé episcopal tempo despois, para que trasladase a súa residencia a Padrón, pois tanto el coma Nuno Afonso, un dos autores da Historia Compostelá, lembraban o asasinato de Gudesteo e temían un ataque similar.