Graciela Pereira
Quick Facts
Biography
Graciela Silvia Pistocchi Pereira, máis coñecida como Graciela Pereira, nada en Buenos Aires, é unha profesora e intérprete arxentina moi relacionada coa música e cultura galegas.
Traxectoria
Graciela Pereira reside en Buenos Aires, onde dirixe a coral Os rumorosos, do Centro Betanzos.
Naceu na maternidade do Centro Galego bonaerense. O seu avó paterno foi o italiano calabrés Domingo Pistocchi e o materno Manuel Pereira Rodríguez, de Cotarelo-Lalín. Ten raíces galegas, italianas, francesas e arxentinas. Estudou no Conservatorio Nacional e no Instituto Superior de Arte do Teatro Colón Belas Artes, Música e Escenografía teatral obtendo dúas titulacións superiores: a de Artes visuais e a de Música. Foi discípula en técnicas de canto da soprano Myrtha Garbarini. Licenciada en Educación e Dirección Escolar, epecialista tamén en Educación Especial, dedíacase á docencia na escola pública, da que é unha firme defensora. Utiliza a súa formación para aplicar na Educación Especial a arte e a música.
Escribiu artigos xornalísticos e de reflexión en diarios e revistas, e o primeiro Boletín bilingüe semanal da Colectividad Gallega, emitido pola Axencia EFE. No ámbito musical recompilou cantares de emigrantes que divulgou en diferentes ámbitos culturais arxentinos e galegos, salas de concertos e exposicións, teatros, radios e televisión aberta. En 1974 ingresa no coro do Centro Galego dirixido polos músicos e compositores Isidro Maiztegui e Carlos López García-Picos (sobre o que logo publicou un estudo). Foi solista do coro e cantou en diferentes institucións e no programa Galicia en América que se emitía por Radio Nacional (en cadea con emisoras de toda a Arxentina) dirixido por Segundo Pampillón.
Foi a voz solista na estrea da obra Coita de Antón Abril e Carlos López García no Teatro Colón conmemorando o 25 de xullo, esta exitosa interpretación tráelle múltiples invitacións para actos culturais como unha moi recordada nun acto sobre a poesía telúrica de Rosalía de Castro no que interpretou cántigas populares que aprendera da súa nenez. Foi tamén unha innovadora ao incorporar nas actuacións unha guitarra eléctrica e unha percusión moi sinxela. No acto de homenaxe aos xornalistas José María Muñoz e Antonio Carrizo Graciela cantou en galego o tango O día que me queiras, a primeira que o fixo nesta lingua. A partir desta interpretación foi invitada a diferentes programas de radio para falar de Galicia, dos emigrantes e dos galegos-porteños.
En 1979 sae o seu primeiro disco Cantares gallegos, editado polo Centro Lucense, que inclúe El día que me quieras, de Gardel e LePera, en versión bilingüe. Contiña un conxunto de cancións de emigrados como forma de valorar e situar a lingua galega no amplo mundo de idiomas universais. Foi un éxito que a fixo moi popular e tamén coñecida en Galicia porque a discográfica galega Ruada reeditouno en 1982 co título de O día que me queiras.
No ano 1981 foi bolseira da Fundación Pedro Barrié de la Maza, co obxecto de participar e colaborar co desenvolvemento dos nacentes programas de Educación Especial na rexión. En xaneiro de 1982 chega a Galicia por vez primeira, volveu para Bos Aires chea de enerxía rosaliá, grava Campanas de Bastavales e traduce varios tangos: Uno, Barrio de Tango, Malena, Cafetín de Buenos Aires;quedan rexistrados nun novo disco, En las orillas del Plata, reeditado pola Dirección de Política Lingüística da Xunta de Galicia (1999).
Coñece na biblioteca do Centro Galego a Antonio Pérez Prado e preparan actividades como os programas de radio sobre o Camiño de Santiago e relatos con ilustracións musicais galegas sobre anacos de Los gallegos y Buenos Aires, que forman parte da historia da emigración galega.
En 1994 grava Terra Meiga coa primeira versión do Himno Galego para voz feminina e solista, algúns temas folk e outros da súa autoría. Amiga de Maruxa Villanueva, gravaron xuntas unha breve escolma de Rosalía de Castro, o CD Bos amores. Musicou, en “Poetas gallegos del siglo XX” para o ciclo literario da escritora Julieta Gómez Paz, os poetas alófonos Federico García Lorca e Jorge Bosco.
En 1994 impulsou a creación do Grupo Vocal Infantil “Os gromos”, integrado por netos de galegos, que tamén dirixiu. A asociación cultural Os Gromos desenvolve as súas actividades en centros culturais, escolas públicas, clubs de barrio e hospitais.Desde o 2003 leva adiante un proxecto que consiste na realización de Obradoiros de Música Galega nas escolas públicas. Con algunha canción con temática galego-porteña, en 1997 saíu o disco El futuro está en las raíces, patrocinado e editado pola Consellería de Cultura da Xunta de Galicia.
Notas
- ↑ "Radio Burela. Grandes Voces do Noso Mundo 2x25 - Graciela Pereira - 31-03-17". ivoox.com. Consultado o 08/08/2018.
- ↑ Suárez Suárez, Manuel. "Cando canta Graciela". cronicasdelaemigracion.com. Consultado o 08/08/2018.
- ↑ "Graciela Postocchi Pereira". galegos.galiciadigitla.com. Consultado o 08/08/2018.
- ↑ "Carlos López García Pico ó Chapa : recuerdos y apuntes para transitar su biografía". libreroonline.com. Consultado o 08/08/2018.
- ↑ "O día que me queiras. Graciela Pereira". todocoleccion.net. Consultado o 08/08/2018.