Emilio Novás Naya
Quick Facts
Biography
Emilio Novás Naya, nado en Vilaboa (Culleredo) o 25 de abril de 1905 e finado o 29 de outubro de 1937, foi un sindicalista e militar galego.
Traxectoria
Veciño de San Pedro de Nós, cociñeiro, afiliado á CNT. Formouse sindicalmente en Cuba, de onde foi deportado nos primeiros tempos da II República. Foi moi activo nas organizacións campesiñas da CNT nos arredores da Coruña e participou na creación da Federación Comarcal de Campesinos en San Pedro de Nós, en xullo de 1932.
Polas súas actividades revolucionarias neste período cumpriu condena no Penal de Burgos, ata a amnistía despois da vitoria da Frente Popular. Colaborou nos periódicos da CNT Solidaridad Obrera e Solidaridad.
Participou na resistencia contra o golpe militar en xullo de 1936, estivo agochado na Coruña ata que en decembro de 1936 conseguiu fuxir cara Asturias no barco “La Libertaria”. Alí ingresou na Agrupación Confederal Galaica en Asturias e alistouse para combater no Batallón Galicia en xaneiro de 1937, onde foi capitán.
Morreu no Alto do Acevo cando regresaba a Galicia despois da caída da fronte asturiana o 29 de outubro de 1937.