Casto M. Insua
Quick Facts
Biography
Casto María Insua Insua, nado en Mallas (San Martiño de Duio, Fisterra) o 15 de agosto de 1888 e finado en Buenos Aires o 30 de agosto de 1938, foi un promotor cultural galego.
Traxectoria
Sexto fillo do matrimonio de Francisco Insua Canosa e Genoveva Insua Insua, e sobriño do cura párroco de San Martiño, Juan Leandro. En 1912 emigrou a Buenos Aires. Foi un dos socios fundadores da Asociación Cultural Gallega A Terra o 5 de maio de 1917 e foi membro da Comisión Revisora de Contas da súa primeira directiva. Tamén foi un dos asinantes do opúsculo “A los gallegos” que a Asociación Regionalista Gallega A Terra lanzou en febreiro de 1918. Esta sociedade foi unha das constituíntes da Casa de Galicia de Buenos Aires o 31 de outubro de 1918 e na súa Xunta Directiva fundacional figurou Casto como secretario de Actas. Foi membro da Comisión de Prensa da Casa de Galicia que organizou a Semana Gallega do 7 ao 14 de novembro de 1920. O 26 de agosto de 1921 foi un dos 40 membros fundadores do Ateneo Casa de Galicia, creado para propender ao desenvolvemento cultural, científico e artístico dos que simpaticen coa sociedade rexional. Na Asemblea do 16 de xaneiro de 1922, Casto foi elixido vogal da xunta directiva da Casa de Galicia; en abril presentou a súa renuncia xunto con outros membros por desacordos cos nomeamentos de delegados das sociedades filiais, e abandonou a súa actividade nesta institución.
En agosto de 1922 formou parte da comisión encargada de formar unha sociedade de emigrantes dos concellos de Cee e Muxía en Buenos Aires que deu lugar ao nacemento da Sociedad Agraria y Cultural de los Residentes de los Ayuntamientos de Mugía y Cee, que despois se transformou na Sociedad Agraria y Cultural de los Hijos del Partido de Corcubión. Estivo en todo o proceso de formación da sociedade, foi un dos encargados da redacción dos seus estatutos e o 4 de abril de 1923 foi nomeado o seu primeiro presidente. Foi o director da súa revista Alborada, aparecida en agosto de 1925, da que só estivo á fronte os sete primeiros números, ata que foi expulsado da sociedade. Con outros socios fisterráns expulsados impulsou a creación da entidade Finisterre en América que se constituíu o 17 de setembro de 1926, sendo nomeado secretario da súa primeira xunta directiva, e un dos encargados da revista voceira da entidade Finisterre.
Cando se fundou a Nueva Casa de Galicia de Buenos Aires o 21 de setembro de 1933, formou parte da sociedade, e en 1935 foi nomeado presidente, cargo que ostentou ata a súa morte.
Véxase tamén
Ligazóns externas
- Rei Lema, Xosé M.ª (7/1/2016). "Casto M. Insua, galeguista fisterrán na emigración bonaerense" No herbal azur do ceo.