Quick Facts
Intro | German linguist (1898-1945) |
Was | Linguist |
From | Germany |
Field | Literature Social science |
Gender | female |
Birth | 10 February 1898 |
Death | 1945 (aged 46 years) |
Biography
Margot Sponer, nada en Niesse o 10 de febreiro de 1898 e finada en 1945, foi unha lingüista alemá, unha das pioneiras dos estudos galegos no mundo.
Traxectoria
Margot Sponer estudou o bacharelato en Quedlinburg e despois estudou Filoloxía Románica, Arábica e Xermánica na Universidade Humboldt de Berlín, daquela chamada Universidade Federico Guillerme, onde se licenciou. Nela tamén proseguiu os seus estudos de posgrao, centrados na lingua galega medieval.
En 1926 fixo a súa primeira visita a Galicia á procura de documentación para a súa tese, onde toma contacto co grupo da Revista Nós. Nese mesmo ano é proposta como membro do Seminario de Estudos Galegos e publica o seu primeiro artigo en galego, no boletín da Real Academia Galega, para agradecer a axuda recibida nas súas investigacións. En 1927 publica, desta volta en Nós, un artigo baixo o título "Algunhas notas dos meus estudos sobre filoloxía galega".
En 1929 licénciase e traballa como profesora de lingua española na universidade berlinesa. No seu departamento foi visitada a comezos da década de 1930 por Vicente Risco e por Lois Tobío. Logo da suba de Adolf Hitler ao poder inícianse purgas na universidade, co resultado da expulsión de moitos científicos. Margot Sponer deixa de dar clase na universidade e sábese que entre 1933 e 1936 viviu durante algunhas temporadas en España, probablemente en Madrid, mentres proseguía as súas investigacións.
En 1935 presenta a súa tese de doutoramento titulada Altgalizische Urkunden ("Documentos do galego antigo"), onde recolle transcricións de documentos galegos datados entre o ano 938 e 1494. A tese foi dirixida por Ernst Gamillscheg. O crítico literario Antón Figueroa considerouna "unha das primeiras teses sobre a lingua galega, se non a primeira".
En 1936 abandona España como consecuencia da Guerra Civil Española e volta a Alemaña. Volve dar clase de español na Universidade de Berlín, neste caso na Facultade de Arte. Continúa vinculada á universidade durante os anos seguintes, simultaneando as súas clases con viaxes ao estranxeiro: en 1938 viaxa a México e en 1940 e 1941 realiza unha viaxe de estudos a España.
Margot Sponer foi expulsada da universidade en outubro de 1942 e, aínda que tentou o reingreso ao mes seguinte, non o conseguiu. As razóns da súa expulsión non se coñecen. En febreiro de 1945 foi detida pola Gestapo polas súas actividades de cooperación coa resistencia contra os nazis e encarcerada no campo de concentración de Neuengamme por auxiliar a cidadáns xudeus. Foi executada nese mesmo ano, entre febreiro e abril, nun lugar indeterminado.
Vida persoal
A súa irmá, Hertha Sponer, foi unha física de renome internacional, que proseguiu a súa vida académica en Alemaña e despois no exilio en Noruega e nos Estados Unidos.
Notas
Véxase tamén
Ligazóns externas
- Algunhas notas dos meus estudos sobre filoloxía galega, artigo de Margot Sponer na revista Nós.
