Xosé Carro Otero
Quick Facts
Biography
Xosé Ignacio Carro Otero, nado en Santiago de Compostela o 31 de xullo de 1942, é un médico, antropólogo, docente e académico galego, ademais de destacado investigador da historia e da arte, especialmente das compostelás.
Traxectoria
Membro dunha coñecida familia compostelá (é sobriño de Xesús Carro García e curmán de Francisco Xavier Carro Rosende) xa desde moi novo interesouse fondamente, por un lado, na bioloxía e na antropoloxía e, por outro, na arte de Compostela, (antes de rematar o bacharelato xa era un especialista na catedral de Santiago, onde traballou de guía e onde levaba aos seus amigos e compañeiros a visitar o seu tellado, nunca época na que estas visitas non eran doadas).
Para perfeccionar a súa formación en antropoloxía e arqueoloxía percorreu diversos museos e institucións antropolóxicas europeas, como o Deutsch Archeologischer Institut, onde estudou a técnica antropolóxica de campo (1968-70), asistindo, entre outros, aos cursos XI Corso di Prospezioni Acheologiche no Instituto Lerici de Roma (1974) e o I Curso de Antropología Forense na Universidade Complutense, Madrid (1976).
Actividades como anatomista e antropólogo
Na facultade de Medicina da universidade de Santiago foi, sucesivamente, alumno interno de Anatomía e profesor de Anatomía Humana Descritiva e Topográfica, coas súas Técnicas Anatómicas. Nesta universidade licenciouse en medicina, obtendo o título de doutor pola mesma en 1971 coa tese titulada Anatomía antropológica antigua del pueblo gallego.
Entre 1970 e 1973 foi profesor de Antropoloxía na facultade de Bioloxía da universidade de Santiago. Entre 1970 e 1991 foi, ademais, profesor de Bioloxía humana e de Historia da Medicina.
En 1973 foi nomeado, por oposición, profesor adxunto de Anatomía na facultade de Medicina de dita universidade, da que foi Secretario e director do Departamento de Anatomía.
Académico
O día 11 de xuño de 1993 ingresou na Real Academia de Medicina e Cirurxía de Galicia, ocupado a Cadeira Historia da Medicina. En 2014 é o presidente desta douta institución, na que desempeñou desde o ano 1994 os cargos sucesivos de bibliotecario, vicesecretario e secretario xeral. Ademais, é Asesor Especial do Presidente da Xunta de Galicia.
É membro correspondente das Reales Academias españolas de Medicina, de la Historia y de Bellas Artes; Académico de Mérito da portuguesa da Historia e correspondente das tamén portuguesas das Ciências e Belas-Artes, e correspondente da Academia de la Historia de la República Dominicana.
Entre outras institucións pertence, tamén, á Sociedad Anatómica Española, ás Sociedades portuguesas de Antropología e Etnología, de Estomatología Arqueológica, de Historia da Medicina e de Filosofía Médica.
Desde o 22 de outubro de 1967 é membro correspondente da Real Academia Galega.
Liñas de investigación
As súas principais áreas de investigación son a anatomía, a antropoloxía física e a historia da Medicina, materias nas que dirixiu 18 teses de licenciatura e 4 teses de doutoramento. Publicou máis de 50 artigos especializados e outros 259 —de temática médica e paramédica— en periódicos e revistas.
Realizou numerosas investigacións antropolóxicas sobre a poboación galega actual, analizando os grupos sanguíneos do sistema AB0, e os dermatóglifos palmares e dixitais.
Pronunciou cerca de 900 conferencias, en máis de 14 países, a maioría delas sobre antropoloxía, historia da medicina e hidroloxía médica.
Outras actividades
Foi o secretario dos Comités Organizadores do VI Congreso de la Sociedad Anatómica Española e da IX da Luso-Hispano-Americana de Anatomía (1968) e do “VI Congreso das Reais Academias Nacionais de Medicina” (1999). Achegou 50 relatorios a diversos Congresos nacionais e internacionais.
Organizou 4 exposicións histórico-médicas: dúas sobre a Escola Médica Compostelá (1967 e 1968); a conmemorativa do profesor Nóvoa Santos (1983), e a conmemorativa do profesor Rodríguez Cadarso, así como unha mostra antolóxica do libro anatómico antigo (1984), e creou un Museo Médico permanente radicado en Santiago de Compostela (1975).
Actividades como arqueólogo
En Galicia participou en varias campañas de escavacións arqueolóxicas (necrópoles de Ropupar, Adro Vello, San Martiño de Mondoñedo, Moraime, Covas do Rei Cintolo, vila e necrópole de Medos e estación de monte de O Cribo).
Premios distincións e condecoracións
Bolsas de estudos
- Iniciación a la investigación (1967)
- Fomento a la investigación” (1969)
- Bolsa de estudos do Ministero Italiano degli Affari Esteri (1974)
Premios
- Premio Gallego del Año, de El Correo Gallego, correspondente a abril de 1998.
- Insignia de Ouro da asociación Fillos e Amigos da Estrada (1992)
- Centolo de Ouro do Concello do Grove (1990)
- Salmón de Ouro do Concello da Estrada.
Condecoracións
- Españolas
- Orden Civil de Sanidad (Encomenda)
- Orden del Mérito Civil (Encomenda con placa)
- Orden del Mérito Naval (Gran Cruz)
- Portuguesas
- Orde Civil do Infante Dom Henrique (Gran Cruz). Outorgada o 23 de novembro de 1992.
- Orde Militar de Santiago da Espada (Comendador). Outorgada o 23 de agosto de 1996.
Principais publicacións
Anatomía humana e Historia da Medicina
- 1982 — Seminarios de Historia de la Medicina.
- 1884 — Prácticas de Biología Humana.
- 1984 — Seminarios de Biología Humana.
- 1988 — Materiais para unha Historia da Medicina Galega (2 vols.). Santiago de Compostela: Xunta de Galicia. Consellería de Sanidade e Servicios Sociais. ISBN 978-84-453-2363-2 / ISBN 978-84-453-2361-8.
Arte
- 1974 — Museo de Arte Sacro del Momasterio de San Pelayo de Antealtares.
- 1976 — Guìa de Santiago de Compostela.
- 1993 — Boente. Xunta de Galicia / Casa de Galicia. ISBN 84-453-0704-5.
- 1997 — Santiago de Compostela. León: Editorial Everest. ISBN 84-241-3625-X.
- 2012 — Cátredra 'Jorge Juan'. Ciclo de conferencias: curso 2010-2011. A Coruña: Universidade da Coruña. ISBN 84-9749-532-5.
Notas
Véxase tamén
Bibliografía
Outros artigos
- Real Academia de Medicina e Cirurxía de Galicia
Ligazóns externas
- José I. Carro Otero revisa as rutas marítimas de peregrinación de Islandia a Turquía en DUVI, 27/01/2010.
- Conferencia del Dr. José Ignacio Carro Otero "Información médica contenida en el Liber Sancti Iacobi o Códice Calixtino". Capilla Real del Hostal de los Reyes Católicos. Fotos.
- Carro descubre dolencias 'diabólicas' y curas milagrosas en el Códice Calixtino Diario El Correo Gallego, 17/04/2013.