Xosé Arcos Moldes
Quick Facts
Biography
Xosé Arcos Moldes, nado en Outeda (Curro, Barro) o 28 de maio de 1863 e finado en Rianxo o 29 de outubro de 1945, foi un perito mercantil coñecido principalmente pola súa actividade como xornalista republicano e director do semanario El Barbero Municipal de Rianxo, no que se produciron os primeiros textos e caricaturas de Castelao.
Traxectoria
Con 8 anos foi vivir a Rianxo e, tralos primeiros estudos, entrou no seminario de Santiago, do que pronto o expulsaron. Aínda que logo volveu entrar no seminario, rematou abandonándoo definitivamente. A finais de 1894 promoveu o semanario El Censor.
En 1896 comezou a estudar na Escola de Comercio da Coruña, onde se titulou como perito mercantil e comezou os seus contactos co republicanismo galego. Tras unha breve estancia en Rianxo marchou a Barcelona a seguir os estudos de Comercio, para regresar, xa definitivamente, a residir en Rianxo.
En 1901 creou a Asociación de Marineros y Productores en General de Rianxo, da que foi presidente, primeiro, e secretario xeral, despois. Con esta asociación buscaba fomentar a exportación do peixe fresco ós mercados do interior do país, aí como sentar as bases para a industrialización do sector mariñeiro coa construción dunha fábrica de salgadura en réxime asociativo. Promoveu o semanario La Defensa.
A Asociación de Marineros terminou fracasando pero Arcos continuou promovendo diferentes accións colectivas e sociedades agraristas, como a Sociedad Unión Pinera (en 1916) ou a Sociedad Unión Obrera de Oficios Varios, coa que creou a Casa do Pobo de Rianxo.
En 1910 Ramón Rey Baltar fundou El Barbero Municipal, órgano do Partido Conservador local, con Castelao como articulista e caricaturista, e Eduardo Dieste como director literario. A revista desapareceu en 1914, tralo que Arcos fundou o semanario La Justicia, como voceiro de Acción Gallega, de liña agrarista.
En 1914, traballando daquela como mestre, creou a sociedade cultural Pro-Cultura, con Castelao como secretario, organizou comparsas, corais e obras de teatro, actividades todas nas que buscaba a participación da xuventude de Rianxo. O primeiro obxectivo desta asociación cultural era a educación dos asociados, como se reflicte no compromiso que figuraba nos Estatutos:
Foi correspondente en Rianxo de Gaceta de Galicia de Santiago, El Telegrama, Nós, Galicia, El Noroeste da Coruña, Galicia Nueva e El Eco de Arosa de Vilagarcía.
Arcos morreu en Rianxo o 29 de outubro de 1945.
Vida persoal
Casou con Mercedes Tubío Seco e tivo 9 fillos: José Gerónimo, Manuel, Adolfo, Alfonso, Rafael, Soledad, Rosa, Joaquina e Carmen Arcos Tubío.
Notas
Véxase tamén
Bibliografía
- José Antonio Durán en Gran Enciclopedia Galega, 2003, s. v. Arcos Moldes, José.