Xoán Manuel Pereira de Castro
Quick Facts
Biography
Xoán Manuel Pereira de Castro, nado en Reboreda (Redondela), o 24 de maio de 1820 e finado en Ourense o 15 de abril de 1896, foi un fidalgo, diplomático e político galego. Ramón Otero Pedrayo relatou a súa vida na novela O señorito da Reboraina.
Traxectoria
Foi fillo de Ignacio Manuel Pereira, señor da casa de Reboreda, en cuxo pazo naceu e medrou. De ideoloxía progresista e repúblicana, foi acusado de conspiración contra o réxime tras manter unha xuntanza co xeneral Prim en Londres, motivo polo cal foi ingresado na cadea da Illa de Santo Antón, na Coruña. Na devandita xuntanza preparaban a Revolución de 1868. Co triunfo de Prim e a instauración do Sexenio Democrático, Pereira de Castro foi liberado e pasou a presidir a Xunta Revolucionaria da Coruña. Nas eleccións de 1871 conseguiu a acta de deputado por Redondela nas Cortes Xerais, que volveu conseguir en 1873, deixando posteriormente o posto ao ser nomeado embaixador na China, Siam e Annam. A raíz das experiencias vividas no seu periplo oriental escribiu o libro Los países del Extremo Oriente.
O goberno revolucionario concedeulle a Cruz de Carlos III, que, porén, rexeitaría. Foi tamén deputado en Cortes por Ponteareas (1846), Pontevedra (1854) e Zamora (1869), ademais de senador por Pontevedra e Ourense. Coa Restauración borbónica de 1875 retírase da vida política, fixando a súa residencia en Ourense, onde faleceu 21 anos despois.
Véxase tamén
Bibliografía
- Otero Pedrayo, R. (2011), O señorito da Reboraina, Ed. Galaxia, 3ª edición.
Ligazóns externas
- Biografía de Xoán Manuel Pereira en Anecdotario Redondelán.
- Ficha no Congreso dos Deputados
- Ficha no Senado