Xerardo Álvarez Limeses
Quick Facts
Biography
Xerardo Álvarez Limeses, nado en Pontevedra o 10 de decembro de 1871 e finado na mesma cidade o 19 de febreiro de 1940, foi un mestre e escritor galego.
Traxectoria
Fillo de Emilio Álvarez Giménez e irmán de Darío Álvarez Limeses, cursou o Bacharelato en Pontevedra e participou canda a Víctor Said Armesto na fundación do ateneo Los Amigos del Progreso, no que comezou a súa faceta de escritor. Fixo a carreira de Dereito na Universidade de Santiago de Compostela e a de Maxisterio en Madrid, dedicándose despois a Inspector de Ensino Primario. Foi secretario das Xuntas de Instrución Pública de Palencia e Ourense, e en 1904 comezou a traballar como inspector de Primeira Ensinanza de Cádiz. Foi Profesor de Dereito e Lexislación Escolar en Lugo.
Foi académico correspondente da Real Academia Galega, pertenceu á Sección de Historia do Seminario de Estudos Galegos (onde presentou un estudo sobre o padre Sarmiento) e cofundador e Vicedirector do Museo de Pontevedra. Foi redactor das revistas El Iris Literario e Extracto de Literatura e despois fundou Galicia Moderna. Dirixiu El Perdigón en Palencia e El Maestro Gallego, Galicia Ilustrada (da que só apareceu o número 0) e Mi Tierra en Ourense. Colaborou con El Diario de Pontevedra, Faro de Vigo e La Correspondencia Gallega.
Casou con Dolores Gallego Martínez, e foi o pai de Gerardo e Amalia Álvarez Gallego, que casou con Alexandre Bóveda. Na súa honra leva o seu nome o CEIP Álvarez Limeses de Pontevedra.
Obra
En castelán
- Margaritas (poesía; Madrid, 1893)
- Versos morales (poesía; Pontevedra, 1895)
- Leyendas gallegas. Santa Trahamunda (Tui, 1917)
- El emisario de Oriente (drama en verso)
- Geografía de Galicia (provincia de Pontevedra)
En galego
- Antre dous séculos (poesía; Pontevedra, 1934)
Galardóns
Entre 1900 e 1920 participou en certames e Xogos Florais nos que obtivo varios premios:
- Premio de honra no Certame Pedagóxico de Santiago de Compostela de 1905 por "Canto a la mujer gallega como madre y como maestra"
- Mención honorífica en Compostela o 23 de xullo de 1912 por "La mujer gallega" (tríptico de sonetos)
- Dous accésits en Pontevedra o 18 de setembro de 1912 en Poema con liberdade de asunto e metro; premio en romance de menos de cen versos; accésit en soneto en versos alexandrinos
- Premio en Lugo o 5 de outubro de 1915 por poesía en oitavas reais sobre Viveiro
- Premio en Tui en 1925 -milenario de San Paio- por "Canto a Galicia" (en galego) e "Oda a Tuy".
- Premio en Vigo en 1929 por "Canto a la mujer gallega".
Véxase tamén
Bibliografía
- Dicionario biográfico de Galicia, Ir Indo Edicións, 2010-2011, Vigo.
- Couceiro Freijomil, A. (1951): "Álvarez Limeses, Gerardo". Entrada en Diccionario Bio-bibliográfico de Escritores, tomo I, páx. 45 (en castelán).