Robert James Eidlitz
Quick Facts
Biography
Robert James Eidlitz, nado o 25 de marzo de 1864 en Nova York e finado o 18 de maio de 1935 na mesma cidade, foi un numismático e arquitecto estadounidense.
Traxectoria
Robert J. Eidlitz naceu en Nova York o 25 de marzo de 1864, nunha familia de ascendencia xudía de Bohemia. Cursou os seus estudos superiores inicialmente na Universidade Cornell, onde se graduou en 1885, e posteriormente na Universidade Técnica de Berlín, onde estudou Arquitectura.
Eidlitz arquitecto e construtor
Eidlitz comezou a súa vida laboral na empresa de construción propiedade do seu pai, Marc Eidlitz & Son, Inc., encargada de construír algúns dos edificios máis destacados de Nova York, como o do Banco da Reserva Federal, o Museo Cloisters, a Academia de Medicina de Nova York, o Yale Club, a Astor Library, o edificio AT&T ou un anexo do edificio da Bolsa de Nova York en Wall Street. En 1928 foi nomeado presidente da compañía, logo do falecemento do seu irmán máis vello.
Eidlitz numismático
Paralelamente á súa dedicación á arquitectura, Eidlitz foi un entusiasta numismático e coleccionista de medallas de temática arquitectónica, asunto sobre o que publicou un manual en 1927. En 1910 ingresou na American Numismatic Society (ANS) e desde 1916 ata a súa morte en 1935 formou parte do seu consello de dirección. Nesta institución promoveu a emisión dunha serie de medallas conmemorativas e participou na comisión que estableceu un dos galardóns máis destacados dos que ofrece a ANS: o premio Sanford Saltus de Medalla.
Tamén como construtor, a empresa de Eidlitz encargouse da construción na década de 1920 dunha nova á do edificio Audubon Terrace, que foi a sede da American Numismatic Society ata 2008. Tras a súa morte, a ANS estableceu en 1955 o Fondo Eidlitz para o Mantemento de Edificios, a partir dun legado que deixara para tal fin o propio Eidlitz. De igual xeito, tamén doou á Sociedade a súa colección de medallas sobre arquitectura.
Robert Eidlitz faleceu en Nova York o 18 de maio de 1935, aos 71 anos.
Recoñecementos
- (1917): Medalla Huntington, da American Numismatic Society.
Publicacións
Estes son traballos monográficos sobre medallística publicados por Robert James Eidlitz:
- (1924). Medals and medallions of Thomas Jefferson. Nova York.
- (1927). Medals and Medallions Relating to Architects. Nova York.
- (1928). Medallic Portraits of Matthew Boulton and James Watt. Nova York.
Notas
- ↑ Rechcigl, M. (2018).
- ↑ Rechcigl, M. (2021).
- ↑ Smith, P. (2012).
- ↑ "Eidlitz, Robert J. (Robert James), 1864-1935". American Numismatic Society.
- ↑ Véxase (1927) en "Publicacións".
- ↑ Adelson, H. L. (1958). The American Numismatic Society 1858-1958. American Numismatic Society, Nova York. Páxina 283.
- ↑ "Recipients of the Huntington Medal Award". American Numismatic Society.
- ↑ "Eidlitz, Robert James 1864-1935". WorldCat Identities.
Véxase tamén
Bibliografía
- Rechcigl, M. (2018). "Robert James Eidlitz". En American Jews with Czechoslovak Roots. Páxina 219.
- Rechcigl, M. (2021). "Robert James Eidlitz (1864-1935)". En American Men and Women in Medicine, Applied Sciences and Engineering with Roots in Czechoslovakia. Authorhouse, Bloomington. ISBN 978-1-6655-1598-9
- Smith, P. (2012). "Eidlitz, Robert James". En American Numismatic Biographies. Páxina 114.