Recaredo Paz
Quick Facts
Biography
Recaredo Paz Prieto, nado en Pumar (Taboadela) o 11 de abril de 1950 e falecido en Ourense o 30 de outubro de 2008. foi un activista social galego, promotor da inserción sociolaboral das persoas con discapacidade.
Traxectoria
Fixo os estudos primarios no colexio do seu concello natal, e aos once anos continuou a súa formación interno no colexio salesiano de Puebla de la Calzada (Badaxoz). Con 15 anos unha malformación na columna vertebral condiciona a súa mobilidade a unha cadeira de rodas. Tres anos de atención hospitalaria apártano dos estudos, conducíndoo directamente ao mundo laboral, rexentando un pequeno negocio familiar.
Malia adversidade, afronta os obstáculos cunha actitude positiva e perseverante, traballando en prol da eliminación de barreiras físicas e sociais. O seu tesón lévao a compatibilizar o traballo coa auto-formación,aprendendo a escribir á máquina e formándose en contabilidade.
Aproba as oposicións de auxiliar administrativo do SEREM (máis tarde IMSERSO), desenvolvendo o seu traballo no mesmo entre os 23 e os 43 anos en que chega o momento da súa xubilación por enfermidade. Despois de superar as probas de acceso á universidade, comeza os estudos de Psicoloxía, outra das súas paixóns, mais non chega a rematar a carreira ao antepoñer o seu compromiso coa Asociación.
Aos 18 anos comeza a súa implicación, como voluntario e colaborador directo, na asociación Auxilia en Ourense, concibindo a idea dunha “Auxilia Infantil” centrada no apoio domiciliario a nenas e nenos con dificultades para asistir ao colexio. Alí coñeceu o crego Domingo Gómez Freire, fundador de Auxilia Ourense, que o apoiará na concreción do seu propósito.
Comprometido co deporte como vía de normalización, mesmo para as persoas con afectacións máis graves, coordina no ano 1988 a organización en Ourense dos II Xogos Ibéricos para paralíticos cerebrais. O evento reuniu 250 deportistas con discapacidade de España e Portugal, servindo tamén para dar a coñecer o deporte da boccia, até ese momento descoñecido en España e que desde ese entón comezou a practicarse de maneira competitiva e lúdica, sobre todo por persoas afectadas de parálise cerebral. Consecuencia dese feito, en 1992 a Selección Española de Boccia, con Recaredo Paz á fronte como seleccionador nacional, conseguiu dúas medallas de ouro nas Paralimpíadas de Barcelona, sen deixar de colleitar éxitos nos anos posteriores.
As súas inquedanzas superan os ideais de Auxilia e, no 1989, comeza a facer realidade o seu maior soño e proxecto vital, a construción dun Centro Integral de Servizos (CIS), que concentre todos os recursos nun edificio multifuncional e promova a normalización da vida das persoas con necesidades a todos os niveis: educativo, social, laboral ou de lecer. Así, no ano 1991 funda, nun ambiente asociativo, Aixiña (asociación dedicada á integración social e laboral das persoas con discapacidade física, parálise cerebral e terceira idade dependente), que dirixiu e presidiu ata o seu falecemento.
Na concreción do seu proxecto Recaredo estivo acompañado en todo momento por unha compañeira de viaxe singular, a súa dona Olga Cuña, que asumirá o compromiso de que o seu ideal siga desenvolvéndose. Da súa man e da de outras moitas persoas e profesionais, a pesar do pasamento do seu mentor, Aixiña e o CIS perviven como un organismo vivo ofrecendo a Ourense servizos de asesoramento, integración laboral, rehabilitación, centros de día, transporte adaptado, residencia e deporte adaptado ás persoas con discapacidade, chegando a converterse nun importante referente na provincia de Ourense e en toda Galicia .
Divulgador incansable, emite “Revolución en Rodas”, un programa de radio semanal con contidos que dan visibilidade á persoa con discapacidade.
É autor dun poemario que leva por título Compañera Soledad e coautor doutro titulado Albores.
Recoñecementos
Malia que Recaredo non era moi dado ás homenaxes e recoñecementos públicos, co seu pasamento diversos organismos e entidades consideraron necesario deixar constancia da súa calidade humana e gran labor social:
- 31 de outubro de 2009: homenaxe en Taboadela onde se pon o nome de Recaredo Paz á praza central.
- 26 de novembro de 2009: Recaredo é nomeado coma Fillo Predilecto da Provincia pola Deputación Provincial de Ourense.
- 5 de novembro de 2010: o Concello de Ourense dálle o seu nome á rúa onde se sitúa a sede social de Aixiña.
- 27 de maio de 2015: o CIFP Portovello de Ourense dedícalle unha das súas aulas dentro do Proxecto de humanización dos espazos do centro.