Ramón Mariño Paz
Quick Facts
Biography
Ramón Mariño Paz, nado en Valbargos (Noia) o 8 de abril de 1962, é un escritor e lingüista galego.
Traxectoria
Entre 1986 e 1991 foi profesor de lingua galega na Escola Universitaria de Formación do Profesorado de EXB de Ourense, profesor titular da área de filoloxías galega e portuguesa da Universidade de Santiago de Compostela. e desde 1999 é o director do Departamento de Filoloxía Galega desa universidade.
En 1984 comezou a colaborar co Instituto da Lingua Galega, onde participou nos traballos da súa Sección de Linguaxe Administrativa, da que sairían uns Cadernos de Documentación Municipal (1986-1988) e un Léxico da administración castelán-galego (1991). Desde 1992 colaborou como investigador principal no proxecto de investigación do ILG denominado Historia do galego escrito.
Estudos lexicográficos
Dedicouse tamén á lexicografía, colaborando na elaboración do Diccionario normativo galego-castelán de 1988 e mais na do Diccionario escolar galego de 1989, e nos anos noventa e inicios do novo século investigou fundamentalmente a historia e a gramática histórica da lingua galega. Estas investigacións fóronse publicando en revistas como Verba, Cadernos de Lingua, Revista Galega de Filoloxía, Estudios de Sociolingüística, A Trabe de Ouro e Grial, así como en libros colectivos.
Sobre o Padre Sarmiento
En 1995 publicou unha edición do Coloquio de vintecatro galegos rústicos do padre Sarmiento que se acompaña dun estudo en que se analizan algúns dos principais cambios lingüísticos experimentados polo galego entre o período medieval e o século XIX. Con todo, a obra máis destacada de Ramón Mariño é a súa Historia da lingua galega (Santiago, 1998), onde explica a historia social da lingua galega e os cambios lingüísticos da mesma desde as súas orixes até 1998.
Outras tarefas
En 2001 publicou o libro Eladio Rodríguez e a cultura galega, onde analiza o papel deste rexionalista que foi presidente da Real Academia Galega, poeta e autor do coñecido Diccionario enciclopédico gallego-castellano.
Desde 1994 comparte con Ramón Lorenzo, Antón Santamarina, Mercedes Brea e Jesús Pena as tarefas propias do comité de redacción da revista Verba (Anuario Galego de Filoloxía), creada en 1974 na universidade compostelá por persoas vinculadas ó Instituto da Lingua Galega.