Olalla Castro Alvaredo
Quick Facts
Biography
Olalla Castro Alvaredo, nada en Novelín (Rendar, O Incio) o 3 de xuño de 1975, é unha científica galega profesora na City, Universidade de Londres.
Traxectoria
Licenciouse en Física na Universidade de Santiago de Compostela (1993-1997) especializándose en Física de Partículas. Obtivo unha bolsa de investigación do Ministerio de Educación por catro anos no departamento de Física de Partículas da mesma universidade. En 1999 presentou a súa Tese de licenciatura baixo a dirección do profesor José Luis Miramontes Antas. Fixo parte do doutoramento como visitante na Freie Universität Berlin baixo a supervisión de Andreas Fring. Despois de doutorarse en 2001, seguiu nesa universidade cunha bolsa durante tres anos. Continuou con outra bolsa de investigación na Escola Superior de Lión (Francia) traballando no grupo do profesor Jean-Michel Maillet. En marzo de 2005 foi nomeada profesora na City Universidade de Londres, na que segue a traballar en 2021.
Como profesora Olalla desenvolve traballo docente, administrativo e de investigación. A súa docencia concéntrase principalmente nas matemáticas e as súas aplicacións xa que traballa no Departamento de Matemáticas da Universidade. Ten dado cursos de cálculo, programación, ecuacións diferenciais, sistemas dinámicos, teoría dos números etc. Ten tamén dirixido un gran número de proxectos de fin de carreira, dúas tesiñas e tres teses doutorais.
A súa área de investigación especializase no estudo de sistemas cuánticos unidimensionais coñecidos como sistemas integrables. Tales sistemas son de grande interese matemático porque posúen un elevado número de simetrías. Estas implican que moitas cantidades de relevancia física se poden calcular matematicamente de forma exacta, utilizando métodos altamente especializados tales como o Bethe Ansatz termodinámico. Dende o 2007 Olalla dedica os seus esforzos principalmente ao estudo de dous problemas sempre no contexto dos sistemas integrables: o primeiro é o estudo da chamada entropía de entrelazamento cuántico, unha medida da cantidade de entrelazamento que se pode almacenar nun estado cuántico. O entrelazamento cuántico é unha das propiedades máis fascinantes e misteriosas dos sistemas cuánticos que ó mesmo tempo ten moitas aplicacións prácticas, por exemplo no deseño de ordenadores e outras tecnoloxías cuánticas. O segundo problema é o estudo dos sistemas cuánticos fóra de equilibrio, unha area que viu unha grande expansión nos últimos 15 anos. O problema neste caso é o estudo da evolución temporal de certas cantidades físicas nun sistema cuántico despois de que tal sistema teña sido sometido a un cambio abrupto na súa contorna ou nas súas propiedades fundamentais. A idea é que se se agarda un tempo suficientemente longo o sistema acadará un novo estado de equilibrio. O foco de interese de Olalla e moitos outros investigadores é a descrición deste novo estado. É autora de bastantes traballos científicos sobre a materia.
No plano de administración do Departamento e Universidade, Olalla ten desenvolto varios cargos, tanto no recrutamento de novos estudantes como no deseño e xestión do grao de Matemáticas impartido polo seu departamento. Tamén é membro do comité de Igualdade, Diversidade e Inclusión da súa facultade e membro do comité Athena Swan que traballa na eliminación da discriminación de xénero no mundo académico, particularmente nas carreiras científicas. Esta científica, que usa a linguaxe matemática para crear teorías que expliquen a interacción das partículas elementais da materia, declaraba no 2015 a Faro de Vigo que "hai que desmitificar as matemáticas como algo que só entenden os xenios".
Vida familiar
A súa parella é o físico teórico Benjamin Doyon. É irmá de Francisco Castro Alvaredo.
Notas
- ↑ "Short CV". Dr Olalla Castro Alvaredo (en inglés). Consultado o 2021-09-27.
- ↑ "Dr Olalla Castro Alvaredo City, University of London". www.city.ac.uk (en inglés). 2020-01-31. Consultado o 2021-09-27.
- ↑ "Publications". Dr Olalla Castro Alvaredo (en inglés). Consultado o 2021-09-27.
- ↑ "Olalla Castro-Alvaredo". scholar.google.co.uk. Consultado o 2021-10-22.
- ↑ "Olalla Castro Alvaredo: "Hay que desmitificar las matemáticas como algo que solo entienden los genios"". Faro de Vigo (en castelán). 2015-05-03. Consultado o 2021-09-27.