Formado en Lugo como caixista na imprenta Pujol, estableceu os seus obradoiros tipográficos en 1851. Considerado o primeiro editor que planificou todo un proceso editorial en Galicia, dividiu os seus proxectos en dúas seccións, a relixiosa, a máis numerosa, e outra variada onde incluíu unha parte literaria, ensaio, manuais e grandes obras.
Editou os xornais La Aurora del Miño (1857), do que foi director e fundador; El Correo de Lugo (1860), que dirixiu; El Diario de Avisos (1861 e 1865), El Boletín del Clero (1861), El Gallego (1867), La Paz (1869-1873), La Fe (1873) e El Lucense (1883). Editou Análisis de las aguas minerales de Lugo (1853), a publicación anual do Calendario de Galicia (1857), os almanaques Almanaque de Galicia (1858), Las Dos Asturias (1864) e El Reino de Galicia (1866), e o Boletín eclesiástico (1868), a primeira revista relixiosa editada en Galicia.
Publicou os dous primeiros tomos da Historia de Galicia (1865-1866) de Manuel Murguía, e a Gramática Gallega (1868) de Saco y Arce, amais de obras de Rosalía de Castro. Foi autor do ensaio La imprenta en Galicia. Ensayo bibliográfico (1892), de consulta obrigada no estudo da prensa periódica en Galicia.