Luís Álvarez Pousa
Quick Facts
Biography
Luís Álvarez Pousa, nado en Vila de Rei (Trasmiras) o 8 de marzo de 1948, é un profesor galego titular de Xornalismo, especializado na Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago.
Traxectoria
Licenciado en Xornalismo pola Universidade Complutense de Madrid; doutor en Historia Contemporánea pola Universidade de Santiago de Compostela. Colabora sobre temas de comunicación, cultura e xornalismo en diversas revistas especializadas, tendo impartido sobre estas cuestións numerosas conferencias dentro e fóra de Galicia.
Grupo Voz
Exerceu como xornalista en La Voz de Galicia durante 23 anos, xornal no que foi o seu primeiro cronista político nos anos da Transición, creando e dirixindo ata 1984 o seu primeiro Suplemento de Cultura. No grupo Voz ocupou así mesmo outros cargos de responsabilidade: coordinador xeral de Video Voz-TV, primeiro, e coordinador xeral da Multimedia Voz, despois, deixando daquela o grupo para incorporarse como profesor ó equipo que puxo en marcha a Facultade de Ciencias da Comunicación. Durante os anos 90, mantivo en La Voz de Galicia canda o debuxante Miguelanxo Prado a sección de opinión "A contratempo". Dous dos premios que lle foron concedidos tiñan relación coa súa actividade xornalística: o Café del Bolengo (1985) ó mellor labor de opinión en Galicia, e o Atlántida-2003 que lle concedeu o Gremi d’Editors de Catalunya "pola súa traxectoria como promotor cultural e como xornalista cultural". Tamén recibiu o premio da Crítica de Ensaio e Pensamento 2000 pola súa obra A identidade fronte á rede.
Revistas e outras actividades
Fundador das revistas Teima e Tempos Novos, que dirixe na actualidade. É tamén membro do consello asesor do IGADI (Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional), e membro dos consellos de redacción das revistas Tempo Exterior e Criterios. Traballou tamén nos medios audiovisuais: dirixiu e presentou Encontros, o primeiro debate na historia da TVG, e o programa semanal Extramuros, sobre as culturas europeas na canle galega. É contertulio fixo desde hai dous anos no programa Ganbara, de Radio Euskadi.
A principios dos 70 puxera en marcha e dirixiu as históricas Xornadas do Cine en Ourense. Entre o 9 de novembro de 1983 e o seu cesamento o 4 de xaneiro de 1985 foi director xeral de Cultura, na Xunta de Galicia, promovendo actuacións dinamizadoras e dotando a Galicia dunha infrastrutura cultural creando entón o Centro Dramático Galego e o Arquivo da Imaxe. Na Televisión de Galicia presentou e dirixiu os programas Encontros (1986) e Extramuros (1988).
É o director do Observatorio Galego dos Medios do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia.
É autor do poema "Sementeira", musicado por Fuxan os Ventos e que se converteu nunha das cancións máis populares en lingua galega.
Obra en galego
Poesía
- Os cas da vida, 1972, Xistral.
Ensaio
- Prensa ameazada. Desde a transición ó fraguismo, Edicións Lea.
- A identidade fronte á rede. O reto mediático de Galicia na Sociedade da Información, 1999, Xerais.
Obras colectivas
- Os novísimos da poesía galega, 1973, Akal.
- 12 anos na búsqueda da nosa identidade, 1990, Xermolos.
- Globalización e cambio de milenio, Xerais.
- Claves para unha información non sexista, 2010, Atlántica de Información e Comunicación de Galicia. Coordinador con Belén Puñal Rama.
- Á beira de Beiras. Homenaxe nacional, 2011, Galaxia.
Edicións
- A contrapelo, de Eduardo Blanco Amor, La Voz de Galicia.
- Figuracións, de Luís Seoane, La Voz de Galicia.
Estes libros foron publicados na colección Biblioteca Gallega, da que tamén foi coordinador editorial.
Obra en castelán
Obras colectivas
- Periodismo de Fuente, Universidade Pontificia de Salamanca.
- Periodismo Especializado, Ariel.