peoplepill id: johan-carballeira
JC
Spain
1 views today
1 views this week
Johan Carballeira
Spanish author

Johan Carballeira

The basics

Quick Facts

Intro
Spanish author
A.K.A.
Johán‏ Carballeira
Places
Gender
Male
Place of birth
Vigo, Spain
Place of death
Monteporreiro, Spain
Age
35 years
The details (from wikipedia)

Biography

José Francisco Gómez de la Cueva, coñecido polo seu pseudónimo Johán Carballeira, nado en Vigo o 13 de febreiro de 1902 e fusilado na Caeira (Poio) o 17 de abril de 1937, foi un xornalista e político galego.

Traxectoria

Era fillo de José Juan Gómez del Campo, natural da Pobra do Caramiñal, e de Rolendis de la Cueva García, veciña de Bueu. A familia, á que pouco e foron sumándoselle fillos até chegar aos seis, trasladouse a Bueu arredor do ano 1915. Estudou o bacharelato no colexio Maristas de Vigo e no Samaniego de Santiago de Compostela; posteriormente estudou tres anos de administrador de libros en Madrid.

Xornalista

A dimensión pública de José Gómez de la Cueva iniciouse en 1923, a través das páxinas literarias de Faro de Vigo, onde apareceron os seus poemas e narracións en español de estilo modernista, que delatan aínda a falta de madurez do escritor. Nos anos 26 e 27 a súa sinatura aparece en dúas importantes revistas da época: na viguesa Vida Gallega e en Céltiga, o voceiro da colectividade galega en América.

A partir de 1927, co pseudónimo de "Johán Carballeira", iniciou a súas colaboracións con El Pueblo Gallego como correspondente do xornal en Bueu. Este mesmo ano iniciou a súa amizade cos poetas e intelectuais mozos da Xeración de Vangarda: Rafael Dieste -redactor xefe do xornal-, Augusto Casas, Correa Calderón, Cándido Fernández Mazas, Santiso Girón, Bal y Gay etc., colaboradores asiduos de El Pueblo Gallego.

En 1929, despois de que as súas colaboracións fosen facéndose máis numerosas en seccións fixas, entrou a formar parte da redacción, iniciando unha carreira periodística que o converteu ao pouco tempo no xornalista mozo máis importante da época.

En 1929 aparece entre os fundadores dunha nova revista viguesa, Gaceta de Galicia, aínda que o seu labor fundamental seguía a estar en El Pueblo Gallego, onde se ocupaba das entrevistas, xénero xornalístico daquela novo en Galicia e do que o escritor foi o verdadeiro iniciador. Merecen ser destacadas as entrevistas a Ramón Otero Pedrayo, Margarita Xirgu ou Colmeiro. Foron famosas tamén as súas reportaxes (outro xénero inusitado na Galicia da época). E, igualmente, o seu nome apareceu en moitísimos artigos de crítica literaria.

A súa sona xornalística chegou a toda España, e a partir de 1933 apareceu como colaborador dor xornais madrileños Luz e Ahora, e na revista Estampa. En 1935 era coñecido como o xornalista galego en activo máis importante da época.

Poeta

Carballeira formou parte da xeración das vangardas. A pesar do prestixio do seu nome e a obra na primeira metade dos 30, na actualidade é máis o que descoñecemos del que o coñecido. As causas son moitas: a adhesión á República e ó galeguismo, a oposición ao levantamento militar de 1936, o seu xuízo e fusilamento, a dispersión da súa obra literaria, que nunca chegou a recollerse en libro e o carácter efémero do núcleo máis numeroso do seu labor, o traballo periodístico.

En 1926 comezaron a aparecer os seus poemas nos xornais. En 1928 encontramos os primeiros indicios de que está traballando nun libro de poemas, Cartafol, que continuaría nos anos seguintes, aínda que nunca chegou a publicarse.

No ano 2000, con edición e estudo introdutorio de Xosé M. Millán Otero, publicouse Páxinas Galegas, que inclúe a obra xornalística e literaria en galego.

Alcalde

Coa proclamación da II República Española en 1931, a xeración de Carballeira e el mesmo verán cumpridos parte dos seus ideais. Aínda que manifesta a súa adhesión ao Partido Galeguista xa desde a súa fundación (decembro do 31), non ocupará cargos de responsabilidade ata que é elixido Secretario da Agrupación Local do P.G. en Bueu en 1934.

En abril de 1935 entrou a formar parte da dirección do Partido Galeguista e o seu nome figura entre os máis votados nas eleccións internas de candidatos para aparecer nas listas da Fronte Popular ás eleccións a Cortes (febreiro de 1936), pero finalmente non formará parte da candidatura. Isto é só o indicio da grande popularidade de Carballeira.

Tiña gran predicamento nos medios galeguistas e republicanos, como proba a súa amizade con Castelao, Alexandre Bóveda e outros integrantes do grupo galeguista de Pontevedra, ou a presenza con outros intelectuais republicanos de esquerda entre os colaboradores da revista santiaguesa Ser, como Valentín Paz Andrade, Antón Villar Ponte ou Eduardo Blanco Amor.

A intervención pública e directa na política non se produciu ata marzo de 1936, cando, tras a vitoria da Fronte Popular e a disolución dos concellos, foi nomeado alcalde de Bueu.

A súa presenza na alcaldía foi breve, pero aínda así permitiulle actuacións aínda hoxe lembradas entre os máis vellos: grazas as súas xestións diante dos mariñeiros, conserveiros e concellos do litoral, logrou que se establecese un prezo mínimo para a sardiña, un dos problemas máis graves cos que se enfrontaba a xente do mar daquela. Esta actuación deu lugar a que no día anterior ao levantamento militar se lle rendese unha homenaxe en Bueu por parte de mariñeiros e armadores.

Non se sabe exactamente a data da súa detención (debeu ser en agosto do 36). O xuízo non se produciu ate o 29 de decembro dese ano, en que compareceu en consello de guerra ante o tribunal militar de Pontevedra xunto con dezaoito veciños máis de Bueu. Ó día seguinte, foron todos condenados a morte agás un; a condena sería conmutada máis tarde a algúns deles pola de cadea perpetua.

A sentenza de Carballeira tardou aínda en cumprirse; o escritor pasou os meses seguintes no lazareto da Illa de San Simón, onde estiveron outros destacados intelectuais republicanos. A sentenza executouse o 17 de abril de 1937, a primeiras horas da mañá, na Caeira (Poio). O seu corpo foi enterrado nunha foxa común do camposanto de San Amaro.


Predecesor:
Ramón Domínguez Ferradás
 
Alcalde de Bueu
 
1936
Sucesor:
Camilo Dávila Dávila

Recoñecemento

Desde o ano 1996 o concello de Bueu instaurou o Premio de Poesía Johán Carballeira para recuperar do esquecemento a súa figura como político e escritor e desde o ano 2003 o Premio de Xornalismo Johán Carballeira para traballos de temática libre pertencentes a calquera xénero periodístico.

Notas

  1. Villar González, Arximiro B. A poesía galega de Antón Zapata García. Edición e estudo (Tese). Universidade de Santiago de Compostela. p. 1238. 
  2. "Emotivo acto en Bueu en recordo a Johán Carballeira, no 79 aniversario do seu fusilamento". pontevedraviva.com. 25 de agosto de 2015. Consultado o 18 de abril de 2016. 

Véxase tamén

Bibliografía

  • "Gómez de la Cueva, Xosé Francisco". Diccionario enciclopédico galego universal 31. La Voz de Galicia. 2003-2004. p. 24. ISBN 84-7680-429-6. 
  • "Gómez de la Cueva, Xosé Francisco". Dicionario biográfico de Galicia 2. Ir Indo Edicións. 2010-2011. p. 159. 
  • "Gómez de la Cueva, Xosé". Diciopedia do século 21 2. Do Cumio, Galaxia e do Castro. 2006. p. 993. ISBN 978-84-8288-942-9. 
  • "Gómez de la Cueva, Xosé Francisco". Enciclopedia Galega Universal 10. Ir Indo. 1999-2002. p. 38. ISBN 84-7680-288-9. 
  • "Carballeira, Johán". Gran Enciclopedia Galega (DVD). El Progreso. 2005. ISBN 84-87804-88-8. 
  • Carballeira, Johan (1996) Cartafol de poesía. O Candil. Colexio Público de Bueu.
  • Couceiro Freijomil, A. (1951). "CUEVA, José G. de la". Diccionario bio-bibliográfico de escritores (en castelán) I. Santiago de Compostela: Bibliófilos Gallegos. p. 324. 
  • Fernández del Riego, F. (1990). Diccionario de escritores en lingua galega. Sada: Ediciós do Castro. p. 184. 
  • Millán Otero, Xosé M. (2000). Johán Carballeira. Páxinas Galegas. A Nosa Terra. ISBN 84-95350-55-6.
  • Portela Medraño, Xesús (1997). Xohan Carballeira. Vigo. Ir Indo. ISBN 8476802501.
  • Vilavedra, D., ed. (1995). "Gómez de la Cueva, Xosé". Diccionario da Literatura Galega I. Galaxia. p. 264. ISBN 84-8288-019-5. 

Ligazóns externas

The contents of this page are sourced from Wikipedia article. The contents are available under the CC BY-SA 4.0 license.
Lists
Johan Carballeira is in following lists
comments so far.
Comments
From our partners
Sponsored
Credits
References and sources
Johan Carballeira
arrow-left arrow-right instagram whatsapp myspace quora soundcloud spotify tumblr vk website youtube pandora tunein iheart itunes