Jenaro de la Fuente Álvarez
Quick Facts
Biography
- Non confundir con Jenaro de la Fuente Domínguez (1851-1922), o pai.
Jenaro de la Fuente Álvarez, nado en Vigo o 30 de abril de 1891 e finado na mesma cidade o 4 de xaneiro de 1963, foi un arquitecto galego, un dos incursores do movemento modernista en Vigo. Inicialmente usará motivos próximos á Art Nouveau, sen perder o uso do estilo eclecticista. Entre outros estilos traballou o academicismo e o racionalismo.
Traxectoria
Era fillo de Jenaro de la Fuente Domínguez, mestre de obras e facultativo municipal do concello. Obtivo o título de arquitectura en Madrid no ano 1921 á idade de 30 anos.
Logo de cursar os seus estudos decidiu instalarse en Vigo onde comezaría a súa carreira profesional. Ao ano seguinte de chegar á cidade, o seu pai falecería aos 71 anos de idade, deixando vacante o seu cargo de arquitecto municipal, posto que ocuparía o fillo.
Por aquel entón, en Vigo só había tres arquitectos: Jacobo Esténs Romeu, José Franco Montes e Manuel Gómez Román, que era o que máis traballo desenvolvía na cidade.
A pesar de ser Vigo a cidade onde levou a cabo a meirande parte dos seus traballos, tamén fixo proxectos noutras cidades como Santiago de Compostela, onde destacan a Cidade-Xardín da Rosaleda e a Cidade Universitaria.
Faleceu en 1963 aos 72 anos de idade, deixando un legado arquitectónico de grande beleza, que non está completo xa que algúns dos seus edificios foron derrubados para especular cos seus soares e edificar en altura.
Obra destacada en Vigo
- Casa para Eligio Prieto Iglesias, na rúa do Príncipe n.º 12, 1925
- Edificio para Emilio Méndez (La Peineta), Urzáiz esquina Lepanto, 1926
- Casa de vivendas da rúa Uruguai n.º 11, 1927.
- Pérgola da praza de Portugal, 1928, en Bouzas dende o ano 2005.
- Estadio Municipal de Balaídos, 1928.
- Edificio comercial con fachada ás rúas Policarpo Sanz (norte) e Príncipe (sur).
- Garaxe Americano, na rúa García Barbón 29, 1929.
- Escola de Enxeñería Industrial da Universidade de Vigo (Peritos), r/ Torrecedeira, 1931-1941.
- Edificio de María Iglesias Curty, na esquina da P.ª de Compostela coa r/ Reconquista, 1940.
- Vivendas para a Compañía Carbonera, n.os 6, 7, e 9 da praza de Compostela. 1942.
- Vivendas para os irmáns Suárez Eire e Purificación Suárez Vázquez, P.ª de Compostela 17. 1944.
- Edificio Candeira ou edificio para Rosa Candeira, Pi i Margall, 79, Vigo, 1954.
- Escola Superior de Comercio, na rúa Conde Torrecedeira, 1944.
- Edificio Aurora Polar, 1959, no 24 da rúa República Arxentina, esquina Urzáiz.
- Instituto Feminino Nosa Señora da Guía (despois San Tomé de Freixeiro), na Gran Vía de Vigo, 1962.
Outras obras
- Residencia Universitaria da Universidade de Santiago de Compostela, 1930.
- Facultade de Ciencias, 1960.
Galería de imaxes
|
Notas
Véxase tamén
Bibliografía
- Garrido Rodríguez, Xaime. Artigo "FUENTE ÁLVAREZ, Jenaro de la" da Gran Enciclopedia Galega Silverio Cañada (en DVD).
- Garrido Rodríguez, Xaime (2000): Arquitectura da pedra en Vigo, pp. 391–411. Galaxia e Construcciones Conde. ISBN 84-605-9897-7.
Outros artigos
- Jenaro de la Fuente Domínguez