Enrique Mayer
Quick Facts
Biography
Enrique Mayer Castro, nado en Santiago de Compostela en abril de 1861 e morto na mesma cidade en novembro de 1931, foi un gravador e acibecheiro que colaborou en distintas revistas galegas de arte e arqueoloxía de primeiros de século XX.
Traxectoria
Procedía dunha familia de artesáns alemáns afincada en Santiago, dedicada á fabricación de reloxos e caixas de música, aínda que el decantouse polo debuxo e o gravado. Estudou na Sociedade Económica de Santiago e foi alumno de Modesto Brocos, así como tamén do xilógrafo Arturo Carretero cando marchou a estudar en Madrid.
Cando regresou a Santiago se dedicou ó gravado en madeira e metal, publicando as súas obras en distintas revistas, coma por exemplo Galicia Diplomática. Ilustrou tamén os libros de Antonio López Ferreiro Lecciones de arqueología sagrada, El Pórtico de la Gloria e Historia de la Santa A. M. Iglesia de Santiago de Compostela.
Participou nos certames de Artes e Oficios de Santiago en 1881, onde obtén un diploma de primeira, e 1885, cando obtén unha medalla de prata. Tamén acode á Exposición Rexional de Lugo de 1896 , e obtén un diploma de honra; á Exposición de Arte Galega de Bos Aires de 1920 e á Exposición Nacional de Artes Decorativas, de Madrid, en 1926.
En 1903 publicou un traballo de investigación na revista Galicia Histórica, baixo o título "Prioridad de un artista santiagués respecto al perfeccionamento del grabado en madera", no que desenvolve as técnicas de gravado en buxo de pé que xa se utilizaban en Santiago en 1730, 40 anos antes de que o gravador inglés Thomas Bewick (1753-1828) presentara esta técnica como novedosa.
Desde 1890 ata 1893 traballou como profesor de debuxo na Sociedad Económica, e en 1893 ocupou o cargo de profesor de debuxo artístico na Escola de Artes e Oficios de Santiago, ata a súa xubilación en 1931. Tamén contribuíu no recoñecemento e recuperación da acibechería en Santiago. En 1897 foi nomeado socio de mérito da Asociación de Artes Gráficas de Santiago, e en 1919 membro correspondente da sección de Belas Artes do Instituto de Estudos Galegos da Coruña.
Colaborou con Enrique Campo na recollida de material para a Exposición Rexional Galega celebrada en Santiago en 1909, realizando con el diferentes debuxos de monumentos e outros elementos artísticos ó longo dunha viaxe pola provincia de Pontevedra -e parte da de Ourense- entre maio e outono dese ano. Durante esta viaxe, Mayer interesouse especialmente polos escudos existentes nas zonas que estudaron.
É autor dunha pequena estatua do apóstolo Santiago en acibeche e prata que se expón no Tesouro da catedral compostelá. O Museo de Pontevedra, pola súa banda, conserva un bo número de láminas a plumiña de escudos, sartegos e inscricións, realizadas con gran minuciosidade.
Foi pai do tamén gravador santiagués Enrique Mayer Méndez (1907-2001), pai á súa vez dos tamén artistas Enrique e Santiago Mayer Viña.
Notas
Véxase tamén
Bibliografía
- Catálogo da exposición Os debuxantes da Sociedad Arqueológica de Pontevedra, Museo de Pontevedra 1995.
- Alonso Girgado, Luís: Gelmírez. Hojas de otoño a primavera (1945-1946), en edición facsimilar do CIRP, Santiago de Compostela 1995.
- Gran Enciclopedia Galega Silverio Cañada, Lugo, 2003.