Eduardo Olano Gurriarán
Quick Facts
Biography
Eduardo Olano Gurriarán, nado no Barco de Valdeorras o 16 de febreiro de 1933, é un político galego, empresario e enxeñeiro forestal.
Traxectoria
Aínda que naceu no Barco de Valdeorras, marchou a vivir a Ourense con catro anos, se ben non perdeu o contacto coa súa vila natal. O seu pai, Eduardo Olano Fernández foi alcalde de Ourense entre 1941 e 1944. Estudou Enxeñería de Montes en Madrid e ao rematar a carreira foi contratado por Patrimonio Forestal do Estado, con destinos primeiro en Pontevedra e posteriormente na Coruña. Despois foi destinado a Madrid, á dirección xeral de Montes, dende onde colaborou na organización do Sexto Congreso Forestal Mundial, (1966), así como na Exposición Forestal Mundial. En 1968 regresa a Ourense para facerse cargo da dirección xeral da empresa de taboleiros de madeira Orember, actualmente integrada no grupo Finsa.
O 11 de abril de 1973 o ministro da Gobernación noméao presidente da Deputación de Ourense, en substitución de David Ferrer. Naquela altura, o cargo de presidente da Deputación levaba aparellado os cargos de procurador en Cortes e de presidente da Caixa de Aforros Provincial de Ourense, cargos que ocupa ata 1974. Foi substituído nos tres cargos por Luís Álvarez Rodríguez.
Durante a transición preséntase ás eleccións constituíntes de 1977 á fronte do Partido Popular Galego, pero non consegue saír elixido deputado. Logo ingresa no PDP co que resulta elixido senador en representación da coalición AP-PDP nas Eleccións Xerais 1982 en España, repetindo nas de 1986 pola Coalición Popular. En 1988 abandonou a súa adscrición no Senado no grupo da democracia cristiá e pasouse ao grupo mixto, a canda Enrique Marfany e Julio Ulloa Vence. En 1990 foi nomeado delegado provincial da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes en Ourense, no primeiro goberno de Manuel Fraga.
Na actualidade está xubilado, e ten estudado o teixedal de Casaio, o maior teixedal de Galicia, que está situado no concello de Carballeda de Valdeorras.
Predecesor: David Ferrer Garrido | presidente da deputación de Ourense 1973-74 | Sucesor: Luís Álvarez Rodríguez |
Datos persoais
Está casado e ten catro fillos.
Publicacións
El tejo y el teixadal de Casaio (Ourense). Deputación provincial de Ourense, 2004. ISBN 9788496011755