Antonio Sousa Alonso
Quick Facts
Biography
Antonio Sousa Alonso, nado en Santiago de Compostela o ano 1942 e finado na mesma cidade o 12 de febreiro de 2013, foi un destacado profesor na área da Química inorgánica.
Traxectoria
Cursou a licenciatura de Ciencias Químicas na Universidade de Santiago, que comezou na antiga sede da universidade no curso académico 1959-60, rematándoa no curso 1964-65, xa na nova Facultade de Ciencias do campus sur (hoxe Facultade de Química), participando como voluntario nas vacacións de Nadal do curso 62-63, canda outros tres alumnos residentes en Santiago, na recuperación e instalación dos vellos aparellos do Laboratorio de Física.
Xa desde os tempos de alumno da súa facultade de toda a vida, destacou pola súa intelixencia e o seu traballo como discente, non limitándose a estudar os apuntamentos e os libros de texto marcados polos profesores, senón todo o material bibliográfico que caía nas súas mans, abraiando aos seus compañeiros cos seus coñecementos, entre outras cousas, da física cuántica.
Despois de doutorarse, gañou a cátedra de Química inorgánica da súa universidade, onde exerceu o seu maxisterio até o día da súa morte.
Casou con Dolores Pedrares, química coma el, coa que tivo dous fillos, Dolores e Antonio, este último na actualidade[cando?] profesor doutor contratado da área de Química inorgánica da facultade compostelá.
A Universidade de Santiago recibiu con fondo pesar a noticia do falecemento do profesor Sousa Alonso quen, en palabras do decano da Facultade de Química, Ramón Estévez, foi un destacado investigador que desenvolvera un frutífero labor ao longo destes anos, describíndoo como "unha persoa de gran frescura intelectual" e "con liderado indiscutíbel nos equipos de investigación que dirixiu".