Antonio Rey Soto
Quick Facts
Biography
Antonio Rey Soto, nado en Arrabaldo (Ourense) o 18 de febreiro de 1879 e finado en Madrid o 20 de febreiro de 1966, foi un sacerdote, escritor e destacado bibliófilo galego.
Traxectoria
Estudou Dereito e Filosofía e Letras nas universidades de Santiago e Central. Despois estudou Teoloxía e ordenouse sacerdote. Foi capelán de Isidoro de Temes e Ángela Santamarina, condesa del Valle de Oselle. Publicou os seus primeiros poemas en La Nueva Época e foi redactor de La Galerna (1900).
Amigo persoal de Castelao, casouno con Virxinia Pereira na igrexa de San Paio, da Estrada, o 19 de outubro de 1912. Castelao fixo unha caricatura del. Ingresou na Real Academia Galega o 30 de agosto de 1920.
En agosto de 1922 fundou en Vigo, xunto a Antonio Méndez Laserna e Carlos Reguenga, a produtora cinematográfica Celta Film. O principal obxectivo da sociedade era facer películas sobre Galicia e Asturias para complementar as conferencias literarias do propio Rey Soto, que vai ser o director artístico da empresa.
A finais de 1923 Rey Soto embarcou cara a América para amosar o filme Un viaje a través de Galicia y Asturias aos emigrantes que alí vivían. A experiencia non resultou e Rey Soto ficou moi decepcionado pola escasa acollida da película. Permaneceu en América até 1931.
Ao longo da súa vida, Rey Soto foi formando unha moi valiosa biblioteca que poucos anos antes da súa morte cedeu ao Mosteiro de Poio, onde hoxe se conserva. Entre as obras máis salientables destacan as Constitucións sinodais da diocese de Ourense editadas por Vasco Díaz Tanco en 1544 e un exemplar do Livro do Infante D. Pedro de Portugal, editado en 1644. Ademais, legou ao mosteiro a súa colección de prensa na que se inclúen xornais ourensáns coma El Eco de Orense e El Diario de Orense.
A súa obra está escrita maioritariamente en castelán, sendo o drama Amor que vence al amor o que lle deu máis sona.
Obras
- Falenas, 1905.
- Nido de áspides, 1911.
- Remansos de paz, campos de guerra, 1915
- Amor que vence al amor, 1917 (poema dramático).
- La Loba, 1918 (novela).
- Cuento del lar, 1918 (drama).
- Colón español, hijo de Pontevedra, 1920.
- El dolor del Almirante, 1929.
- Estampas Guatemaltecas, 1929.
- La copa de cuasia, 1930.
- El Crisol del Alquimista, 1931.
- El diálogo de los paladines, 1931 (poema).
- Galicia: venera y venero de España, 1949.
Notas
Véxase tamén
Bibliografía
- Folgar de la Calle, J. M. (1991): "Antonio Rey Soto e o cinema", en Brea et alii Homenaxe ó profesor Constantino García. Santiago de Compostela, Universidade de Santiago de Compostela.
Ligazóns externas
- Biografía (en castelán)