Antonio Platas Reinoso
Quick Facts
Biography
Antonio Platas Reinoso, nado en Santiago de Compostela o 3 de agosto de 1907 e finado en Baio o 9 de abril de 1971, foi un mestre e político galego.
Traxectoria
Obtivo o título de mestre e foi Premio Extraordinario da Escola Normal de Santiago de Compostela en 1926. Ao ano seguinte obtivo o Premio á Virtude e ao Traballo. En novembro de 1926 comezou a carreira docente na escola da Escravitude (Padrón). Despois pasou polas escolas de Sorribas (Rois), Serres (Muros) e As Somozas. En 1930 obtivo praza definitiva en Lañas (Arteixo). Na República foi presidente do Consello Local de Primeira Ensinanza de Arteixo e organizou as Misións culturais en xuño de 1932, nas que impartiu a conferencia "Concepto de la libertad, derechos y deberes".
Vinculouse ao Partido Galeguista facendo propaganda do seu ideario. Co golpe de Estado do 18 de xullo de 1936 foi cesado. Abríronlle expediente de depuración que se resolveu en xullo de 1940 co resultado de suspensión durante dous anos de emprego e soldo e traslado fóra da provincia durante cinco anos. Conseguiu a revisión do expediente e a finais de 1942 foi rehabilitado. Foi destinado a Pedrafita, e despois a San Cremenzo de Pazos (Zas). En 1944 foi destinado a Alfoz, onde permaneceu ata 1948 cando foi trasladado a Corme. Despois permutou a praza de Corme pola de Baio. Foi mestre en Baio durante 23 anos. En Baio dirixiu as obras das Escolas Agra Regueiro inauguradas en 1954 e foi un dos fundadores do CD Baio, do que foi directivo e foi un dos responsables de que o club dispuxese do Campo do Balsiño.
Finou en Baio o 9 de abril de 1971.
Recoñecementos
- Unha rúa de Baio leva o nome de Mestre Platas dende 1990.
- O campo de fútbol de Baio foi nomeado como Platas Reinoso en 1990.
Vida persoal
Casou en 1938 con Consuelo Tasende Fachal e foi pai de Antonio e Ana María Platas Tasende.
Notas
Véxase tamén
Bibliografía
- Blanco Rey, Manuel (2008). Arteixo durante la Segunda República y la Guerra Civil. Santiago de Compostela: Tórculo.