Ángel Rodríguez Castedo
Quick Facts
Biography
Ángel Rodríguez Castedo, nado en Sarria, o 10 de agosto de 1949, é un político e alto funcionario.
Traxectoria
Fillo de Rafael Rodríguez e de Cándida Castedo, mestra de Barbadelo e Fontao. Cursou estudos eclesiásticos no Seminario de Lugo e licenciouse en Filosofía e Letras pola Universidade Complutense de Madrid. Despois diplomouse en Psicoloxía Pedagóxica e Psicoloxía Industrial pola mesma universidade, así como en Xerontoloxía pola Sociedade Española de Xeriatría e Xerontoloxía (Madrid).
Co goberno socialista de Felipe González é nomeado xerente do Fondo Nacional de Asistencia Social (1983) e logo director xeral do Instituto Nacional de Servicios Sociais Inserso (1985). Durante ese tempo foi ademais responsable do Plan Xerontolóxico Nacional (1988-93), membro do Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde (1988-93) e membro da Conferencia Sectorial de Asuntos Sociais (1988-93). En 1993 é nomeado secretario xeral do Consello Económico e Social, cargo que ocupa ata 2001, cando pasa á empresa privada relacionada coa atención aos maiores. En abril de 2004, co regreso do PSOE ao goberno, é designado de novo director xeral do Inserso, agora chamado Imserso (Instituto de Maiores e Servicios Sociais).
Desenvolveu labor docente en diversos mestrados universitarios sobre xerontoloxía, xerencia pública ou desenvolvemento social. O seu papel na dotación dun centro de atención a persoas con discapacidade psíquica na vila de Sarria fixo que o Concello de Sarria o nomease fillo predilecto e lle puxese o seu nome á rúa de acceso a ese centro de atención.