Álvaro Paradela
Quick Facts
Biography
Álvaro Daniel Paradela Criado, nado na Coruña o 24 de marzo de 1911 e finado en Narón o 13 de decembro de 1979, foi un médico e escritor galego.
Traxectoria
Estudou Medicina na Universidade de Santiago de Compostela, licenciándose en 1932. Nos seus anos de universitario tivo contactos co anarquismo, afiliouse á CNT e foi o secretario do Sindicato de Sanidad de Santiago. Fixo a tese de doutoramento baixo a dirección de Marañón, ao tempo que obtiña o título de profesor de Educación Física. Dende decembro de 1934 exerceu a medicina na Coruña. En 1935 colaborou coa Escola Racionalista de Ferrol. Tamén participou como conferenciante no Centro de Estudios Sociales Germinal da Coruña. Coa sublevación do 18 de xullo de 1936 foi alistado e combateu no exército franquista, librando de ser paseado grazas á súa madriña.
Despois da Guerra Civil participou en distintas iniciativas xornalísticas en Ferrol e Coruña, co pseudónimo Amaro Orzán. De 1957 a 1960 traballou de médico rural en Curtis, onde foi cronista oficial. Colaborou en La Voz de Galicia con artigos, reportaxes e denuncias que lle supuxeron a apertura dun expediente, aínda que sen consecuencias. Despois foi médico en Narón, onde creou o topónimo “Ferrolterra” e delimitou o seu territorio. Nesa etapa publicou os Cuadernos de Amaro Orzán, traballos literarios autoeditados que regalaba ao seus amigos. Colaborou en La Voz de Ortigueira, La Noche, ABC, El Heraldo de Vivero, Ferrol Diario e La Región, e nas revistas Grial, Poesía Española, Poesía Hispánica Andarán, Arcao e Bahía.
Obras
- La rosa que canta, 1958.
- Sabencias, 1969.
Premios
- Premio Ángel Baltar Cortés (1958), por un traballo sobre a novela galega.
- Premio Pérez Lugín, de xornalismo, polo artigo "Cheira a pan".
- Premio O Facho, de contos infantís, por Raiosol.
- Premio Fernández Latorre (1962) co artigo "La vida y sus ramas. Un ciudadano en el campo".
Recoñecementos
Ten unha praza dedicada en Narón. En 1994 a Sociedade Artística Ferrolá creou o Premio de Narracións Curtas Álvaro Paradela.