Albert Romer Frey
Quick Facts
Biography
Albert Romer Frey, nado en Nova York o 17 de febreiro de 1858 e finado na mesma cidade o 16 de febreiro de 1926, foi un numismático estadounidense vinculado á American Numismatic Association.
Traxectoria
Alebrt R. Frey naceu o 17 de febreiro de 1858 en Nova York, nunha familia con ascendencia francesa e alemá. Cursou o seu ensino secundario no College of the City of New York. Xa na súa adolescencia comezou a interesarse tanto pola numismática como pola filatelia, temas nos que afondou dun xeito autodidacta, xunto con outros como as linguas clásicas e modernas, a filoloxía, a matemática ou a exiptoloxía.
Logo de encargarse da catalogación de libros na Astor Library e de dirixir unha escola en Lyndhurst, Long Island, traballou durante tres décadas na Casa da Alfándega de Nova York.
Frey foi un gran coleccionista de moedas e medallas e estruturou a súa colección con criterio temático, con intereses moi variados: moedas obsidionais e emisións de necesidade, figuras de elefantes, o mundo do tabaco, o xadrez, a imprenta o teatro, Shakespeare... Paralelamente á súa colección de moedas foi compondo unha nutrida biblioteca numismática.
Na Exposición de San Luís de 1904, Frey expuxo unha apreciable colección de moedas obsidionais entre as que destacaban series completas do asedio de Groninga de 1672 e outras escollidas pezas emitidas en Suecia, en Salzburgo, en Leiden e en Frisia occidental.
Frey estivo moi vinculado á American Numismatic Association (ANS), na que ingresou en 1900 e na que exerceu primeiro como vicepresidente (1901-1904) e finalmente como presidente, entre o 5 de outubro de 1904 e o 4 de setembro de 1907, con Farran Zerbe como vicepresidente. Xunto con Howland Wood foi o encargado de redactar os novos estatutos da ANA en xuño de 1907 e, a partir de 1911, encargouse tamén da edición do seu xornal, The Numismatist, no que xa colaboraba desde 1901. Nesta publicación mantivo unha columna propia baixo o título "New York Numismatic Notes", na que se ocupaba dos resultados das poxas numismáticas en Nova York.
Ademais da ANA, Albert R. Frey foi fundador de Club Numismático de Nova York (1908), o seu primeiro vicepresidente (1908-1919) e finalmente presidente (1919-1921). Este club honrou a Frey coa emisión dunha medalla conmemorativa en 1924, obra do gravador J. M. Swanson e cuñada na Medallic Art Company, cunha tiraxe de 20 exemplares de prata e 30 de bronce.
Frey tamén foi membro da American Numismatic Society (ANS) de Nova York (1910) e doutras sociedades de varios países europeos, como a Sociedade Numismática Austríaca (1903), a Royal Numismatic Society, de Londres (1905) e a Sociedade Real de Numismática de Bélxica (1907).
Á parte de numerosos artigos en diversas revistas numismáticas da súa época, a súa obra máis sobranceira foi A Dictionary of Numismatic Names, elaborada logo de 15 anos de investigación. Este dicionario publicouse inicialmente como colaboración no volume L do American Journal of Numismatics e posteriormente, dada a súa repercusión no ámbito numismático, editada como libro en 1917 pola American Numismatic Association, con reimpresións en 1947, 1973 e 1978.
Á marxe da súa actividade no ámbito numismático, Frey foi un investigador da vida e da obra de Shakespeare, sobre o que publicou varios artigos. Foi un dos fundadores da Sociedade Shakespeare de Nova York, na que ocupou o posto de vicepresidente e, nas tres derradeiras décadas da súa vida, secretario.
Vida persoal
Albert Romer Frey estivo casado con Josephine Betts, con quen tivo unha filla.
Faleceu en Nova York o 10 de febreiro de 1926.
Recoñecementos
- (1924): Medalla Huntington, da American Numismatic Society, de Nova York.
- (1972): Elixido membro do Hall of Fame da American Numismatic Association.
Publicacións
Esta é unha escolma dos traballos monográficos máis salientables publicados por Albert R. Frey ao longo da sús traxectoria:.
- (1886). William Shakespeare and alleged Spanish prototypes. New York Shakespeare Society.
- (1887). Sobriquets and nicknames. Whittaker, Nova York.
- (1901). The copper coins of the United States [...]. Froussard, Nova York.
- (1914). The dated Eurinternet archive
- opean coinage prior to 1501. American Numismatic Society, Nova York.
- (1917). A dictionary of numismatic names. Their official and popular designations. American Numismatic Society, Nova York.
Notas
- ↑ NUM (1951). Páxina 269.
- ↑ Smith, P. (2020).
- ↑ Ogilvie, J. W. (1961). Páxina 920.
- ↑ Cervin, D. R. (1980). Páxina 1.064.
- ↑ NUM (1926). Páxinas 184-185.
- ↑ NUM (1926). Páxinas 173-74.
- ↑ Cervin, D. R. (1980). Páxinas 1.064-1.065.
- ↑ Cervin, D. R. (1980). Páxina 1.065.
- ↑ Ogilvie, J. W. (1961). Páxinas 920-921.
- ↑ Cervin, D. R. (1980). Páxina 1.068.
- ↑ Ogilvie, J. W. (1961). Páxina 922.
- ↑ Cervin, D. R. (1980). Páxina 1.067.
- ↑ "Recipients of the Huntington Medal Award". American Numismatic Society.
- ↑ "Numismatic Hall of Fame". American Numismatic Association.
- ↑ "Frey, Albert R. (Albert Romer) 1858-1926". WorldCat Identities.
- ↑ "Frey, Albert Romer 1858-1926 Arquivado 29 de novembro de 2021 en Wayback Machine.". Digital Library Numis.
Véxase tamén
Bibliografía
- Cervin, D. R. (1980). "Albert R. Frey, Numismatist". En En The Numismatist. Marzo. Páxinas 1.062-1.068.
- Smith, P. (2020). American Numismatic Biographies. Páxina 137.
- NUM (1926). "Albert R. Frey". En The Numismatist. Abril. Páxinas 173-174, 184-185.
- NUM (1951). "Biographical notes: Albert Romer Frey". En The Numismatist. Marzo. Páxinas 269-270.
- Ogilvie, J. W. (1961)."Albert R. Frey. Sixth President, 1905 to 1907". En The Numismatist. Xullo. Páxinas 920-922.