Adrián Troitiño
Quick Facts
Biography
Adrián Troitiño Alcobre, nado en Moalde (Silleda) o 3 de xaneiro de 1869 e falecido en Montevideo o 26 de maio de 1941, foi un sindicalista libertario.
Traxectoria
Emigrado como polisón a Bos Aires en 1880, axiña comezou a traballar de panadeiro. Comezou a contactar co movemento libertario e na dirección do seu gremio. Expulsado da Arxentina en 1902 as autoridades deportárono ao Uruguai.
Na súa actividade como sindicalista destacou como representante da Sociedad de Resistencia y Colocación de Obreros Panaderos en Montevideo e do Sindicato de Oficios Varios de Villa del Cerro. Participou en México na Conferencia Latino Americana del Trabajo, e foi membro da dirección do Sindicato de Vendedores de Diarios, ademais de xestor da "Casa del Canillita".
Século XX
Nos primeiros anos do século XX compaxinou a actividade política e sindical coa participación en medios xornalísticos. Foi director da redacción da publicación El Obrero. A finais de 1902 foi expulsado da Arxentina xunto a Julio Camba. Tras chegaren a Cádiz foron levados a Barcelona. Alí foron apresados para previr atentados ante a presenza do vicepresidente da Arxentina. Trasladados á prisión de Pontevedra, foron postos en liberdade, pero Adrián Troitiño foi requirido polo goberno militar da Coruña para facer o servizo militar, malia ter xa 33 anos. Evitouno ó alegar ter unha hernia.
Ó chegar a España desde Arxentina viña coa súa muller e con cinco fillos, dos que un morreu en Barcelona, polo que pediu axuda a Julio Camba. Anos despois volveu emigrar a Latinoamérica e seguiu coa labor sindicalista, pero xamais regresou a Arxentina, onde tiña vedada a entrada. Morreu en Montevideo en 1941, onde foi moi homenaxeado, sendo o seu nome posto a unha avenida.