Biography
Lists
Also Viewed
Quick Facts
Intro | Pandeireteiro e profesor de danza galego | |
Places | Spain | |
Gender |
| |
Birth | 1943, Vigo, Spain | |
Age | 82 years |
Biography
Wenceslao Cabezas del Toro, máis coñecido como Polo, nado no Berbés (Vigo) en 1943, é pandeireteiro galego e profesor de danza tradicional.
Formación
A súa formación no baile tradicional galego comezou en 1955 no Instituto Santa Irene de Vigo. En 1958 empezou a bailar no grupo Vento das Cíes, onde tivo como mestre o pandeireteiro de Sárdoma Xosé Iglesias Nieto, coñecido como Melitón. Compatibilizou a súa inicial dedicación ao baile e a pandeireta co traballo nos Estaleiros de Santo Domingo, ata que se puido dedicar profesionalmente á docencia da danza.
Traxectoria
Na danza tradicional
Formou diversos grupos de baile vinculados á Sección Femenina na bisbarra de Vigo e Tui. Entre 1969 e 1976 dirixiu o grupo folclórico Coros y Danzas de Redondela, co que acadou medalla de ouro en tres modalidades do Festival Regional Folclórico en 1973: ao mellor grupo, ao mellor grupo de gaitas e á mellor parella de baile. En 1975 o grupo gaña o campionato provincial e quedan finalistas no denominado Campeonato Nacional de Coros y Danzas. No Fondo de Música Tradicional IMF-CSIC, dirixido por Emilio Ros-Fábregas, consérvanse algunhas gravacións do NO-DO onde se aprecian a coreografía, o vestiario e a característica maneira de tocar a pandeireta do seu director, Polo: "Panderetada" (Redondela, 1972) e "Carballesa" (Redondela, 1976). Entre 1970 e 1987 dirixe o grupo de baile de Baiona.
En 1966 idea o Día da Muiñeira, celebración de exaltación do traxe e a danza tradicionais que reunía anualmente as agrupacións de baile da bisbarra de Vigo. Polo explica así como artellou a idea:
Xurdiu aproximadamente no ano 1966, despois de que fixen unha viaxe a Cataluña. Decateime de que todos os domingos, nas Ramblas de Barcelona, e na Praza de Cataluña a xente reuníase e bailaba a sardana. A min pareceume unha idea excelente e que aquí poderíamos facer algo similar.
Exerceu como profesor de baile en numerosos colexios. En 1979 o Concello de Vigo funda a Escola Municipal de Danza de Vigo, onde se ofrece formación en danza, canto popular e percusión tradicional, e Polo foi o seu director desde a súa creación. Diante do éxito de inscricións, Polo propón ampliar e descentralizar a escola abrindo novos lugares de formación en diversas escolas públicas da cidade. En 1982 ábrese no Seis do Nadal de Coia, Carrasqueira de Coruxo, A Dobrada no Calvario, e Santa Tegra en Teis, e no ano 1984 súmanse Pereiró, Sárdoma, San Salvador e Frian. A escola é unha das institucións que contribuíu de maneira decisiva á difusión da danza e da percusión tradicional en diversas xeracións de nenas e nenos. Desde 1986 o grupo de baile principal da escola, dirixido por Polo, é o histórico grupo de danza O Tarabelo, que fora creado en 1939. A escola promoveu o Festival dos Reencontros, no que participa o seu antigo alumnado, entre os que se inclúen Xela Conde, do grupo Ávalon; o percusionista e mestre de danza tradicional Alexandre Fernández Castro; o grupo de baile Asubío.
Na música tradicional
Creou o grupo de gaitas Airiños do Parque de Castrelos, que xorde na Sección Femenina. Acompaña os grupos de danza dos que Polo é director. Gravou diversos álbums de música tradicional, dándolle moita relevancia á pandeireta e o pandeiro, habitualmente a cargo de Polo, e participou en numerosos certames de música e danza.
Compartiu escenario e gravacións acompañando coa pandeireta ou o pandeiro, entre outros, co gaiteiro Ricardo Portela, a quen homenaxeou en diversas ocasións, Carlos Núñez, The Chieftains, a Real Banda de Gaitas de Ourense, Real Coro Toxos e Flores e Coral de Ruada, así como a Coral Casablanca de Vigo.
Galardóns
Recibiu diversos premios e recoñecementos:
- Premio da Reconquista de Vigo, en 1993.
- Vigués distinguido en 1993, como integrante do grupo de gaitas Airiños do Parque de Castrelos, e mais en 2005, como director da Escola Municipal de Danza de Vigo.
- Medalla de Galicia, da Xunta de Galicia, en 1998.
- Medalla de Honra do Gaiteiro de Soutelo, en 2003.
- Premio César Dios “Diosiño” á música popular, da Deputación de Pontevedra, en 2011.
Familia
Pai de cinco fillas e un fillo, moitos deles dedicáronse á formación musical e a danza tradicionais: Carla, Mara e Belén Cabezas na Escola Municipal de Danza de Vigo, e Hipólito Cabezas, coñecido como Polito, na Escola Provincial de Gaitas da Deputación de Pontevedra.
Os seus netos Álvaro e Suso Costas comezaron no grupo de gaitas do avó e logo montaron o grupo de power folk Álvaro Costas Hot Band e mais The Crass, grupo revelación no Festival de Ortigueira en 2010.
Referencias
Aparece mencionado no libro de Nacho Mirás Fole, El mejor peor momento de mi vida, o cómo no rendirse antes una mala jugada del destino (Paidós, 2014).
Notas
- ↑ "Muere José Iglesias "Melitón", pandereteiro excepcional y vigués distinguido en 1995". Faro de Vigo. Consultado o 2018-07-09.
- ↑ "Música e baile tradicional - Folk (Historia)". Anecdotario redondelán (en castelán). Consultado o 2018-07-09.
- ↑ Faro de, Vigo. "Desde lo más alto del baile tradicional". Consultado o 2018-07-09.
- ↑ "No-Do 136".
- ↑ "No-Do 206".
- ↑ "Por la BAIONA de ANTES - issuu". Issuu (en inglés). Consultado o 2018-07-09.
- ↑ "Xornal Vigo: O Día da muiñeira congregará 2.600 participantes na rúa Venezuela". xornal.vigo.org. Consultado o 2018-07-09.
- ↑ Europa Press. "220 grupos participarán en el Día de Muiñeira". Faro de Vigo. Consultado o 2018-08-27.
- ↑ "«Ó meu pai non lle gustaba a miña dedicación ó baile»". La Voz de Galicia (en castelán). 2003-08-22. Consultado o 2018-07-10.
- ↑ Atlántico. "Wenceslao Cabezas: Más de medio siglo dedicado al folclore". Atlántico (en castelán). Consultado o 2018-07-09.
- ↑ "Facendo Historia - Concello de Vigo". hoxe.vigo.org. Consultado o 2018-07-09.
- ↑ "A Escola Municipal de Danza organiza hoxe o Festival dos Reencontros no auditorio". La Voz de Galicia (en castelán). 2004-04-29. Consultado o 2018-07-09.
- ↑ "Xela". www.movidagalega.com. Consultado o 2018-08-27.
- ↑ "Quén somos. Asociación Folclórica Cultural Asubío". asubio.org. Consultado o 2018-08-27.
- ↑ Galiza, Sermos. "Honor ao mestre gaiteiro". Sermos Galiza (en inglés). Consultado o 2018-07-09.
- ↑ Participou no dobre CD con libro, titulado Foliada nas Rías Baixas. Homenaxe a Ricardo Portela, o mestre (Cumio, 2008). O traballo recolle pezas do repertorio de Ricardo Portela interpretadas por Óscar Ibáñez, Antón Corral, Os Alegres, Anxo Pintos, Juanjo Fernández, Iván Costa ou Patrick Molard, entre outros. E fragmentos de conversas con amigos e compañeiros de Portela como Melitón, Amando Fontán, Maximino Souto e o propio Wenceslao Cabezas del Toro.
- ↑ "Fotografías da gravación “Aires de Pontevedra”". Rubén Troitiño. 2017-06-06. Consultado o 2018-08-27.
- ↑ "Oscar Ibáñez & Tribo". Flickr (en castelán). 2018-01-21. Consultado o 2018-08-27.
- ↑ "CONCIERTO DE CARLOS EN PONTEVEDRA". Carlos Núñez (en castelán). Consultado o 2018-07-09.
- ↑ "The Chieftains - Santiago". Discogs (en castelán). Consultado o 2018-07-09.
- ↑ Coral de Ruada. "2003 - 2005: Dirección de JUAN JOSÉ RUMBAO REQUEJO" (en castelán). Arquivado dende o orixinal o 10 de xullo de 2018. Consultado o 2018-07-10.
- ↑ "2003 - 2005: Dirección de JUAN JOSÉ RUMBAO REQUEJO". Arquivado dende o orixinal o 10 de xullo de 2018. Consultado o 2018-08-27.
- ↑ "Resolución, del DOG nº 108 de 08/06/1998 - Xunta de Galicia". www.xunta.gal (en castelán). Consultado o 2018-07-10.
- ↑ deputacion@depontevedra.es. "depontevedra.es - Deputación Provincial de Pontevedra / Diputación Provincial de Pontevedra". www.depontevedra.es. Consultado o 2018-07-10.
- ↑ "«Rocky» suena a gaita con Álvaro Costas & Hot Band". La Voz de Galicia (en castelán). 2008-04-18. Consultado o 2018-07-10.
Véxase tamén
Gravacións
- Airiños do Parque de Castrelos cos Coros y Danzas de Redondela. "Panderetada", No-Do, Redondela, 1970. Fondo de Música Tradicional CSIC-IMF.
- Airiños do Parque de Castrelos cos Coros y Danzas de Redondela. "Carballesa", No-Do, Redondela, 1970. Fondo de Música Tradicional CSIC-IMF.
- Airiños do Parque de Castrelos, "Baile de pandero", Foliada das Rías Baixas (Canti e musiche popolari della Galizia spagnola), Albatros, 1970.
- Ricardo Portela, Xosé C. Villar "Bouza", Wenceslao Cabezas "Polo", "Muiñeira de Pontesampaio", Teatro García Barbón, Vigo, 1988.
- Carlos Núñez, The Chieftains e Wenceslao Cabezas "Polo", "Muiñeira de Chantada", 2008.
- Wenceslao Cabezas "Polo", e Contrarredonda, Televisión de Galicia, 2017.
- Óscar Ibáñez e Wenceslao Cabezas "Polo", fragmentos do espectáculo Aires de Pontevedra. Homenaxe a Ricardo Portela, Teatro Principal de Pontevedra, 2018.
Outros artigos
- Airiños do Parque de Castrelos
- Ricardo Portela