Biography
Lists
Also Viewed
Quick Facts
Biography
Salomon Israel Cherezli, nado en Xerusalén o 20 de marzo de 1878 e finado na mesma cidade o 27 de marzo de 1938, foi un libreiro, editor, tradutor, escritor e xornalista xudeu, figura central da cultura xudoespañola en Xerusalén na primeira metade do século XX.
Traxectoria
Naceu no seo dunha familia da elite sefardí de Xerusalén, orixinaria de Serres (Grecia ), de onde lle vén o patronímico. Seu pai era rabino e súa nai era tamén filla de rabino, xefe do comité sefardí de Xerusalén.
Cherezli estudou nun cheder, e a continuación nunha escola da Alizanza Israelita Universitaria. De novo foi membro de círculos sefardís vencellados á promoción do hebreo, e implicouse nas actividades do sionismo hebreo, e nesa época comezou a escribir e traducir en xudeoespañol, a lingua principal dos sefardís en Xerusalén e no conxunto do Imperio Otomán, publicando en revistas literarias.
No ano 1898 estableceu a librería Sayich, e estivo entre os pioneiros en distribuír literatura secular na cidade. En 1901, xunto con Taragan Ben-Siyón fundou a Güerta de Yerushaláyim, un anuario que se mantivo dous anos, e onde se publicaron colectáneas de traducións de novelas europeas. En 1904 mercou xunta Taragan a imprenta de Eliezer Ben-Yehuda, converténdose en editor dos periódicos dirixidos por Ben-Yehuda HaZvi e Haskafa e do primeiro volume do seu dicionario. Ao ano seguinte Taragan marchou a Exipto e Salomon quedou como único propietario da imprenta. En 1909 fundou o xornal El Paradiso que se publicaba en tres edicións: hebreo, xudeoespañol e yiddish.
Como editor foi un dos primeiros en publicar literatura secular en Xerusalén, a maioría dos libros editados fórono en xudeoespañol, ata totalizar 63 títulos, converténdose canda Moshé Azriel no principal editor de libros ladinos na cidade. A produción da súa casa editorial consistía basicamente en novelas e historias que se publicaran serializadas na prensa de Esmirna, propiedade de Alexandre Ben Guiat, e na súa maioría eran traducións da mellor literatura internacional. Amais tamén imprimiu literatura hebrea secular e rabínica, arredor de 50 títulos.
Tamén escribiu literatura orixinal e traducións, ás veces adaptadas, entre elas El rey i el shastre : novelah de lah vidah G'udiah en Galisia (1903) de N. N. Samueli, Esperansa de un ipokrita y el arebividor de los muertos(1901) de Ḥ. E Mushḳaṭ. Adaptou de Tolstoi o conto Ožo vazio (1895). Do francés traduciu, Maraviosos akontesimientos de el kapitan Korkoran, novela de Alfred Assollant. El bezero (1905) é unha adaptación dunha lenda xudía. Compilou un dicionario xudeoespañol-francés, Nuevo chiko diksyonaryo judeo-espanyol franses (1898-1899) mais unha colección de proverbios, Refranes, e serviu como correspodente en Xerusalén da prensa ladina de Turquía e Grecia. Deixou dous proxectos inacabados, un dicionario xudeoespañol-hebreo e unha enciclopedia de ciencias .
Durante a Primeira Guerra Mundial as autoridades otománs obrigárono a vender a súa casa editora. Tivo que servir tamén no exército otomán en Anatolia e no tempo libre ensinou hebreo á comunidade xudía. Tras a guerra volveu a Xerusalén e estableceu unha pequena librería e implicouse en actividades de caridade e fundou unha asociación para proporcionar tratamento médico aos pobres.
Notas
- ↑ Tidhar, D. (1947). Entsiklopedyah le-halutse ha-yishuv u-vonav (Vol. 2, p. 835)
- ↑ "שלמה ישראל ורחל שיריזלי (הסבא דור ראשון" malon.co.il
- ↑ Os títulos das súas obras poden variar segundo a fonte, xa que escribía o xudeoespañol co alfabeto hebreo, como era o habitual na época.
- ↑ "Cherezlí, Salomón Israel" Sefardiweb
- ↑ Michele (Mike) Heath"Cherezli’s El Paradizo: Before Modern Hebrew Became the National Language of the Jews". Jerusalem Quartely 26 (2006), p. 78