Biography
Lists
Also Viewed
Quick Facts
A.K.A. | Marcial Villamor Varela | |
A.K.A. | Marcial Villamor Varela | |
Places | Spain | |
Gender |
| |
Birth | 1899 | |
Death | 28 September 1937 (aged 38 years) |
Biography
Marcial Villamor Varela, nado en Vilouriz (Toques) en 1899 e finado en Guntín o 28 de setembro de 1937, foi un sindicalista galego.
Traxectoria
Trasladouse moi novo a Santiago de Compostela, onde desenvolveu o seu traballo de ebanista e a súa acción sindical. Marchou de quinto destinado a África, onde se desatou o seu desexo de coñecemento e aprendizaxe, converténdose nun fervoroso autodidacta, asiduo das librerías compostelás, ata completar unha das mellores bibliotecas privadas da cidade. A súa paixón pola lectura valeulle a oportunidade de coñecer a Ortega y Gasset presentado por Arturo Cuadrado, propietario da librería Niké.
A realización persoal a través da cultura foi un dos principios da súa acción pública. Foi un dos promotores do Ateneo Libertario compostelán. Foi membro da Confederación Rexional Galaica da CNT, representando ao “Sindicato de Carpinteros y similares” de Santiago no pleno rexional celebrado na Coruña en 1930. Militou tamén na FAI no primeiro bienio da II República.
Na II República
A radicalización progresiva do sindicato, debida ao aumento do peso na dirección de elementos provenientes da FAI, provocou que Marcial, encadrado na ala moderada dos chamados “trentistas” se afastase progresivamente dos postulados da CNT, se ben continuou na loita obreira. O distanciamento é claro a partir de 1933, ano en que dimite a directiva encabezada polo seu amigo José Villaverde, e no que fracasa o intento insurreccional de folga xeral convocada en decembro tras a vitoria electoral da dereita.
En febreiro de 1934 participou como delegado da CRG no “Pleno nacional de regionales” da CNT, visitou a Ángel Pestaña, fundador do Partido Sindicalista, e persoa proclive á participación electoral e á colaboración cos partidos de esquerdas. No verán dese ano artéllase ao redor de Villamor a representación santiaguesa do PS, a máis nutrida do partido en Galicia, que integra a moitos cadros sindicais composteláns, descontentos coa actitude do sindicato anarquista.
Foi detido o 10 de outubro de 1934, cando tiña no seu poder follas de propaganda a favor da amnistía aos presos políticos de esquerda, e nas que se criticaba a liberación dos xenerais golpistas que se alzaran en armas contra a República. Procesado por un tribunal militar polo delito de “excitación á rebelión militar en grado de tentativa”, foi condenado a seis meses de prisión que cumpre íntegros.
No período que pasou na cadea comezou a colaborar co semanario esquerdista Ser da man dos seus amigos Ramón Suárez Picallo e Arturo Cuadrado. A finais de 1935, participou na preparación da convocatoria electoral de 1936, na que o Partido Sindicalista concorreu integrado na Fronte Popular. En xullo participou nun mitin a prol do Estatuto de Autonomía, celebrado en Pontevedra.
Resistencia á sublevación
Logo do golpe de Estado do 18 de xullo de 1936, foi chamado a formar parte do Comité de Defensa que enfrontou o golpe en Compostela. En asembleas na Praza do Obradoiro e nas reunións do Comité discutiron a estratexia a seguir ante o alzamento e confróntanse as distintas posturas ideolóxicas. A intervención de Villamor, Fernando Barcia Beiras (socialista, presidente do Comité) e José Germán Fernández, impediu o asalto á casa do empresario Olimpio Pérez, e a queima de varias igrexas locais. Villamor impediu tamén que a catedral compostelá resultase danada, pois era coñecedor das intencións dalgúns sectores exaltados da militancia de esquerdas de dinamitar a catedral. Na noite do 18 ou 19 de xullo, formou unha patrulla de protección que se enfrontou a golpes contra aqueles que pretendían danar o monumento.
Santiago permaneceu leal á República ata o día 20 de xullo, en que un grupo de voluntarios apoiados por mineiros de Lousame marcharon á Coruña a defender o Goberno Civil dos militares sublevados. Aproveitando a ausencia de oposición, o comandante militar da praza José Bermúdez de Castro, fíxose co control da cidade. Esa noite unha forza armada de falanxistas asalta a casa de Marcial Villamor, e este vese obrigado a fuxir e refúxiase na casa dun seu amigo e compañeiro obreirista durante varios días.
Durante ese tempo foron continuos os asaltos e rexistros á súa casa, a destrución de mobiliario, o saqueo da súa biblioteca –devastada e desmantelada, repartida entre os asaltantes e parcialmente queimada na mesma rúa-, os insultos, vexacións, agresións, chegando a secuestrar ao seu sogro, Martín Castiñeiras, para obrigalo a presentarse.
Marcial ocultouse na casa dos seus curmáns en Vilouriz. Alí pasou varios meses nos que o cerco se estreita e os rexistros se suceden. A presión fíxolle comprender que corría risco de novo, e decidiu continuar a súa fuxida cara ao territorio leal máis próximo, Asturias. En setembro de 1937, con documentación prestada, deixou o seu agocho. Foi detido no camiño, en Baralla. Liberado nun principio ao funcionar a súa coartada, ao saír do centro de detención, coincide na porta cun sublevado que procedía de Santiago e que o recoñece no acto. Detido inmediatamente, foi trasladado á capital galega. Durante a viaxe foi asasinado dun disparo na cabeza no concello de Guntín.