Biography
Lists
Also Viewed
Quick Facts
A.K.A. | Antonio Baltar Domínguez | |
A.K.A. | Antonio Baltar Domínguez | |
Places | Spain | |
Gender |
| |
Birth | 13 September 1906 | |
Death | 22 September 1970 (aged 64 years) |
Biography
Antonio Baltar Domínguez, nado en Santiago de Compostela o 13 de setembro de 1906 e finado en Buenos Aires o 22 de setembro de 1970, foi un médico galego.
Traxectoria
Fillo do padronés Ánxel Baltar Cortés que foi director do Hospital de Santiago e pioneiro en técnicas cirúrxicas, e sobriño de Ramón Baltar, pai tamén de dous cirurxiáns, foi director do Sanatorio Baltar e do Gran Hospital de Santiago, Antonio Baltar estudou Medicina en Compostela, en París atraído pola escola de Histopatoloxía e na Universidade Complutense de Madrid, onde se licenciou. En 1933, especializado en Histoloxía patolóxica, ingresou no corpo de Médicos Inspectores Municipais de Santiago e pouco despois, bolseiro da Xunta de Ampliación de Estudos, viaxou a Berlín para estudar. Entre 1934 e 1936 desempeñou o cargo de profesor auxiliar de Histoloxía e Anatomía Patolóxica da Universidade de Santiago, ao mesmo tempo que concentraba as súas inquedanzas na creación da "Agrupación al Servicio de la República" de Compostela e na elaboración dos seus escritos publicados da Revista PAN (Poetas Andantes e Navegantes) co pseudónimo de Antón Martín.
Ao iniciarse a Guerra Civil, foi suspendido de emprego e soldo na Facultade de Medicina e exiliouse en América, onde a súa muller, Mireia Dieste, filla de Eduardo Dieste, tiña casa familiar. Logo de dous meses en Montevideo, trasladáronse a Arxentina onde participou nas actividades dos intelectuais galeguistas exiliados. En 1937 revalidou o título de doutor en Medicina na Universidade da Plata e fundou un sanatorio en Avellaneda co tamén santiagués Gumersindo Sánchez Guisande.
Entre 1939 a 1947, Baltar organizou o Laboratorio de Anatomía Patolóxica do Centro Galego de Bos Aires, fundou o "Hogar Gallego para Ancianos" en Donselaar, e publicou varios artigos sobre Ciencia e Cultura. Trasladouse á Patagonia para exercer como médico dos mineiros de Chos Malal, lugar illado do Neuquen, ao pé dos Andes.
Entre 1952 e 1953 exerceu de secretario na Dirección Xeral de sanidade do Sur (Baía Branca). Ao ano seguinte foi nomeado catedrático de Anatomía Patolóxica na Universidade de Cuyo (Mendoza), onde dirixiu o Laboratorio Anatomopatolóxico. En 1954 abandonou a cátedra para exercer como director xeral de Sanidade de Cuyo na rama de medicina sanitaria e a loita anticancerosa. Logo traballou como patólogo en Bos Aires e especializouse en Medicina Social na Organización Mundial da Saúde. Entre 1961 e 1964 coordinou un Plan Integral de Saúde de San Juan e estudou a organización da medicina social dos Andes Centrais e das serras pampánicas. Nos anos posteriores traballou na Coordinación Sanitaria Rexional en Córdoba.
Relacionouse cos intelectuais galegos exiliados na Arxentina, sobre todo co seu tío Rafael Dieste e en 1956 presidiu a Asociación Gallega de Universitarios, Escritores y Artistas (AGUEA). Despois da celebración do Primeiro Congreso da Emigración Galega de 1956, organizado polo Consello de Galiza, no que presentou un relatorio titulado A Emigración Galega e a Cultura, viaxou a Galicia co encargo da AGUEA de poñer en marcha un proxecto que, continuador do Seminario de Estudos Galegos, se dedicase á investigación socio económica. As xestións de Baltar non foron ben acollidas polos intelectuais do interior e a policía aconselloulle que abandonase Galicia. Tamén colaborou estreitamente con Díaz Pardo e Luís Seoane no proxecto do Laboratorio de Formas de Galicia que incluía a restauración de Sargadelos e a creación dun Museo Galego de Arte Contemporánea. Baltar tratou de que o Museo promovido polo Laboratorio de Formas no Castro de Samoedo incorporase a maior parte da obra de Carlos Maside.
Antonio Baltar morreu dun paro cardíaco en setembro de 1970 no Hospital Ribadavia de Bos Aires.